Guitiriz acollerá a Feira da Cantería, Callos e Artesanía este domingo, coa colaboración da Deputación de Lugo
“Este é un espazo que a través da música, a artesanía e a gastronomía difunde e pon en valor o mellor da nosa provincia e que encaixa perfectamente coa aposta que temos na Deputación por incentivar o turismo de calidade, sostible e de experiencias”, afirmou Iván Castro
O Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, participou este xoves na presentación da Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Guitiriz que acollerá a localidade chairega este domingo, 16 de xullo. Un acto que tivo lugar na Casa da Habanera e na que tamén participou a Alcaldesa de Guitiriz e Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez e os representantes da asociación de veciños do Campo da Feira de Parga, Daniel Pereira Menéndez e Carlos Pereira Morandeira.
Castro puxo en valor esta cita e explicou que a Deputación colabora con ela porque é “un espazo que a través da música, a artesanía e a gastronomía difunde e pon en valor o mellor da nosa provincia e que encaixa perfectamente coa aposta que temos na Deputación de Lugo por incentivar o turismo de calidade, sostible e de experiencias”. Así mesmo, agradeceu a implicación e o traballo do Concello e do colectivo de veciños de Parga para organizala un ano máis, ao tempo que subliñou que a institución provincial “sempre estará aí para manter e impulsar unha festa que visibiliza a nosa riqueza e que supón un importante retorno económico para a Terra Chá e para a nosa provincia”.
Programa
8:30 horas – Apertura XXV Certame Cantería
10:00 horas – Apertura Mostra Artesanía e exposición Galiña Piñeira (AGALPI)
11:00 horas – Actuacións: Grupos Municipais (Banda de Música, Grupo de Gaitas, UNED Senior). Na Casa do Zoqueiro
13:30 horas – Peche do Certame de Cantería e Pregón
14:00 horas – Fallo do xurado e entrega de premios
16:00 horas – Campionato Galego de Andadura Federada 2023