Deputación de Lugo

A Deputación participa na segunda xornada da Escola Nacional de Xuíces Gandeiros que se celebra en Muimenta

Muimenta
moexmu

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este xoves na 60 edición da Escola Nacional de Xuíces Gandeiros que acolle, na súa segunda xornada, o recinto feiral Manuel Vila de Muimenta. Na cita, organizada pola Confederación Nacional Frisoa Española (CONAFE), participan estes días gandeiros de todo o país e a achega de animais de catro ganderías da provincia de Lugo: SAT A Vereda, Rey de Miñotelo, SAT Teixeiro e Casa Pozo. As xornadas da Escola Nacional de Xuíces Gandeiros arrancaron onte na provincia da Coruña e rematará mañá, 21 de xullo, na de Pontevedra.

Cajoto sinalou a oportunidade que supón este encontro para as explotacións gandeiras da provincia e destacou o compromiso da Deputación de Lugo co sector primario con iniciativas como as que se desenvolven nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Ademais, puxo en valor estas xornadas, que cualificou de “moi interesantes, porque serven para  formar aos futuros xuíces e xuízas da raza frisoa ao tempo que axudan aos criadores de gando a mellorar os criterios para seleccionar os seus animais”. 

Durante un paseo polo recinto, o Deputado estivo acompañado polo presidente de Moexmu, Daniel Pollán, e o Alcalde de Cospeito, Armando Castosa, entre outras autoridades.