Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación apoia a celebración do Festival Vrao de Foz cunha achega de 15.000€

Festival Vrao
A Deputada Marisol Morandeira participou xunto ao Alcalde de Foz e tamén Deputado provincial, Francisco Cajoto, na presentación da segunda edición do evento, que se celebrará o vindeiro día 12 cun cartel de nomes tan recoñecidos como Sabela King and the Heartbreakers, Boyanka Kostova, NingúnDJ, Malandrómeda ou Grande Amore

Morandeira, que felicitou ao rexedor por recuperar esta cita dándolle unha nova visión, subliñou que o festival “enriquece a oferta cultural da provincia cunha proposta moi atractiva que potencia o talento galego, ten un retorno económico importante e favorece un modelo de turismo de calidade e experiencias”

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este venres en Foz xunto ao Alcalde do municipio e tamén Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, na presentación da segunda edición do Festival Vrao, unha cita que converterá ao concello e á comarca da Mariña “no epicentro da mellor música galega o vindeiro 12 de agosto, reunindo a bandas e artistas dos máis variados estilos musicais”, subliñou Morandeira.

A institución provincial colabora cunha achega económica de 15.000€ para organizar o encontro e avanzar para “consolidalo como un referente no calendario de festivais da comarca e da provincia de Lugo”, asegurou a Deputada. “Facémolo porque é un festival que enriquece a oferta cultural da nosa provincia cunha proposta moi atractiva que potencia o talento galego; porque esta proposta ten un retorno económico importante para Foz e para a comarca en sectores como o da hostalería e o comercio, que son fundamentais; e porque favorece o modelo de turismo de calidade e de experiencias polo que traballamos dende a  Deputación, e que comparte o propio Concello e a Mancomunidade de Municipios da Mariña”, explicou.

Morandeira destacou a importancia deste evento musical e felicitou ao Alcalde e ao seu equipo “por recuperar o ano pasado esta cita do verán focense, dándolle unha nova visión, reinventándoa, e por darlle continuidade este ano cun programa de gran variedade e calidade”. Ademais invitou á veciñanza da provincia a achegarse ao Festival Vrao e desfrutar, ao mesmo tempo, do patrimonio focego. 

O cartel

O Festival Vrao celebraráse en Foz o vindeiro sábado 12 de agosto, poñendo o remate ás festas na honra a San Lourenzo. Entre as bandas que soarán durante a xornada, destacan grupos de estilos como o funk, o soul, o folk ou o hip hop, con nomes tan recoñecidos como Sabela King and the Heartbreakers, Boyanka Kostova, NingúnDJ, Malandrómeda ou Grande Amore.