Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Medio milleiro de ciclistas participaron na Ancares Cycling Marathon, con Claudio Chiappucci ou Carlos Canal no pelotón

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Deportes
EFRÉN CASTRO
ANCARES CYCLING MARATHON

Máis de medio milleiro de ciclistas gozaron este domingo da festa de deporte, natureza e tradición que supón o Ancares Cycling Marathon, o gran fondo de montaña de referencia en Galiza que, por terceiro ano, mostrou a espectacularidade dos Ancares lucenses a través das dúas rodas co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

A lenda do ciclismo italiano Claudio Chiappucci, o limiao Carlos Canal -que se prepara para o Mundial Sub-23-, o bercián César García Calvo ou Iván Montero, dúas campión estatal de ciclismo adaptado, son algúns dos nomes máis destacados do pelotón que percorreu as estradas das Nogais, Becerreá, Pedrafita, Cervantes e Navia de Suarna.

Tras os portos de Sete Carballos, Pintinidoira e Vilasol, os ciclistas subiron ao Alto do Cebreiro, percorrendo os últimos metros polo Camiño de Santiago entre os aplausos do público e o paso dos peregrinos.

O primeiro clasificado do Gran Fondo foi David Mayo, tras 4 horas e 19 minutos sobre a bici, o segundo Iago Medín, cun tempo de 4 horas e 25 minutos, e o terceiro Ángel Maneiro, con 4 horas e 27 minutos de percorrido. Entre as mulleres, a máis rápida do roteiro longo foi Tuxa Fernández-Coronado, que fixo o percorrido completo en 5 horas 42 minutos. A seguinte foi Mónica Díaz, con 5 horas 44 minutos, e a terceira Estefanía Vega (5h 47m).

En canto ao Medio Fondo, o primeiro foi Javier Martínez, do club ciclista León, que entrou a meta tras 3 horas 41 minutos de carreira, seguido de Juan Luís López de Guereñu (3h 45m) e Alberto González (3h 47m). Na clasificación feminina de medio fondo, a máis rápida foi Camila Rey (4h 12min),  seguida de Ana Senso (4h 38m) e Mónica Campagna (4h 46m).

O primeiro en pasar por liña de meta no  Cebreiro foi os lucense Marcos Codesal, participante do Mini Fondo, tras 1 hora e 46 minutos de marcha. O segundo e terceiro posto do roteiro máis curto foron tamén para participantes da provincia, Adríán Álvarez Mosquera (1h 54m) e Javier Gómez (1h 56m). A primeira muller foi a xixonesa Paula Arias, cun tempo de 2h 09m, seguida da burelense Sabela Borrajo (2h15m) e Tamara Gómez Garrido, de Elxe (2h16m).

   O trofeo para o grupo máis numeroso quedou 'en casa', foi para o Club Ciclista Ancares, mentres que a mención para os que chegaron de máis lonxe viaxou ata O Prat de Llobregat, con Prat Bike.