Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba un investimento de 200.000€ para a mellora de estradas provinciais na Montaña e en Guntín

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno acordou a adxudicación en 120.000€ da renovación do firme da LU-P-4606, que discorre por Baleira e Ribeira de Piquín cara Asturias, e a declaración de emerxencia para arranxar cun orzamento de 70.000€ os danos provocados por inclemencias meteorolóxicas no Cinto Comarcal á altura do concello guntinés

O Concello de Láncara destinará 10.500€ á mellora da accesibilidade da Senda do Ferrocarril da Pobra de San Xiao

Vendidas dúas novas parcelas do polígono de Chantada, polo que quedan 5 dispoñibles das 49 das que dispón

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento de preto de 200.000€ para continuar mellorando a rede de estradas provinciais con dúas actuacións, unha na comarca da Montaña e outra no Cinto Comarcal ao seu paso polo concello de Guntín. 

Así o explicou a Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen concretou que, por unha banda, na reunión do Executivo de hoxe quedaron adxudicadas en 120.000€ obras para a renovación do firme da estrada LU-P-4606, que vai de Rioxoán, por Boel, Chao do Pousadouiro e Carballido, a Asturias. Polo tanto, subliñou García Porto, unha vía “moi importante para a zona, e sobre todo para a veciñanza dos concellos de Baleira e de Ribeira de Piquín”.

Os traballos, que acometerá a empresa Desarrollos y Metas SL, afectan a un treito de algo máis de 7 quilómetros, entre o punto quilométrico 15,980 e o 23,130, e teñen un prazo de execución de 27 días. 

O proxecto consiste na reapertura de cunetas, a reposición de pavimento con aglomerado en quente e a sinalización.

Por outra banda, segundo informou a Voceira, a Xunta de Goberno aprobou a declaración de emerxencia dunhas obras valoradas en practicamente 70.000€ para a restitución e o mantemento do firme do Cinto Comarcal ao seu paso polo concello de Guntín, en concreto, no quilómetro 24,200. Esta actuación é necesaria para arranxar a rotura do terraplén que sostén a plataforma da vía como consecuencia de inclemencias meteorolóxicas. A empresa Grupo Bascuas 2008 SL será a encargada de acometer de maneira inmediata os traballos, que teñen un prazo de execución aproximado dun mes. 

Concello de Láncara

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude do Concello de Láncara para destinar á mellora de accesibilidade da Senda do Ferrocarril da Pobra de San Xiao os remanentes por un importe de 10.500€ que resultaron da execución das obras de humanización integral da Avenida Benigno Quiroga, neste mesmo núcleo urbano. Esta actuación, recordou a Deputada, “foi financiada pola Deputación de Lugo aportando un total de 180.000€”.

“Os remanentes desta obra servirán agora para a  upresión de barreiras arquitectónicas nunha superficie de 85 metros cadrados e o movemento de terras para aumentar a accesibilidade da Senda do Ferrocarril, así como o pavimentado con formigón”, destacou.

Así mesmo, deuse luz verde á solicitude do Concello de Láncara para destinar remanentes do Plan Único 2023 á mellora de vías municipais que dan acceso á parroquia de Balse. Esta obra conta cun investimento de 30.000€, dos que a institución provincial achega 1.200€.

Polígono de Chantada

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación directa por un importe de máis de 85.000€ de dúas parcelas do polígono industrial dos Acivros, no Concello de Chantada, xestionado pola Deputación de Lugo. A Deputada fixo balance e recordou que, “do total de 49 parcelas coas que conta este parque empresarial, xa están vendidas 37 e outras 7 están reservadas, quedando polo tanto 5 dispoñibles”.

García Porto sinalou que na reunión semanal do Executivo tamén se finalizou o procedemento administrativo necesario para o alleamento de 21 cabezas de gando da Granxa Gayoso Castro por un importe duns 25.000€, que foron adxudicadas nunha poxa pública celebrada nestas mesmas instalacións provinciais o día 4 de xullo.