Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación impulsa o Festival 13 Roeis

Festival 13 Roeis
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou a cuarta edición da cita musical este venres no Pazo de San Marcos, xunto aos organizadores da Asociación Trece Roeis, Blanca Tejero e Adrián Enríquez; e o Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez

A institución provincial colabora co evento, que se celebrará os días 18 e 19 de agosto, cunha achega económica de máis de 7.200€ e con difusión no marco da súa liña de traballo para “dinamizar a vida social e económica da provincia poñendo en valor a nosa cultura, ademais de favorecer un turismo sostible e de calidade”, subliñou García Porto

O Pazo de San Marcos acolleu este venres a presentación da cuarta edición do Festival 13 Roeis, unha cita musical que se celebrará no concello de Pantón os vindeiros días 18 e 19 de agosto co apoio económico da Deputación de Lugo, que achega 7.260€, ademais de difusión. A Voceira socialista do Goberno provincial, Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, presidiu o acto, celebrado na Sala de Xuntas, que contou coa presenza dos organizadores do evento da Asociación Trece Roeis, Blanca Tejero e Adrián Enríquez, e o Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.

A institución provincial impulsa así este festival no marco da súa liña de traballo “para dinamizar a vida social e económica da provincia, poñendo en valor para elo a nosa cultura e todo o noso patrimonio”, subliñou García Porto. Ademais, engadiu, o evento favorece “o turismo de calidade, sostible e de experiencias polo que traballamos dende a Deputación, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que coida a riqueza patrimonial e emprego, sobre todo no rural”.

O Trece Roeis Fest alcanzou a pasada edición o seu récord de asistencia, superando os 7.500 asistentes. A Deputada recordou o compromiso da Deputación e asegurou a capacidade desta cita para que “este ano sexa de novo todo un éxito e supere se cabe as cifras de 2022, xa extraordinarias”. 

O festival naceu en 2018 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición o cartel está formado por unha vintena de artistas, como Reincidentes, Lamatumbá, Catuxa Salom, Festicultores Troupe ou Monoulious DOP, entre outros.