Deputación de Lugo

A Deputación inicia os traballos de renovación do firme da estrada de Martín, en Baleira

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
obras
Baleira
As obras, cun investimento de preto de 110.000€, permitirán a rehabilitación dos cinco primeiros quilómetros da vía LU-P-0406, que xa foi reparada por urxencia este ano á altura do punto quilométrico 2,700 tras os danos provocados polas choivas

A Deputación de Lugo inicia as obras de mellora e rehabilitación da estrada provincial LU-P-0406, de Martín a Crende, no concello de Baleira. Serán uns traballos que implican un investimento de preto de 110.000€ que permitirán a renovación do firme desta vía.

O prazo de execución desta actuación, que se levan a cabo dende o inicio ata o punto quilométrico 5,077, é de 3 meses e comezaron coa limpeza de cunetas. Posteriormente levarase a cabo a reparación dos danos que soporta a vía. O último paso será o asfaltado e pintado da estrada, o que permitirá aumentar a seguridade das persoas usuarias da estrada.

Nesta mesma estrada, a comezos de ano leváronse a cabo obras de urxencia para a reparación do quilómetro 2,700 tras os danos provocados polas choivas. Os traballos tiveron un custo de 130.000€ e obrigaron a cortar o tráfico para restituír a superficie. Desta forma, no que vai de ano a Deputación de Lugo investiu preto de 250.000€ na mellora desta vía.