Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación inicia a mellora da estrada provincial entre Sarria e Paradela cun investimento de 260.000€

rede viaria provincial
As obras, cun prazo de execución de dous meses, inclúen a limpeza de laterais, drenaxe, aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical nun tramo de 5 quilómetros da LU-P-5709, que comunica Santa María con Castro de Rei de Lemos por Vilamaior

Con este orzamento, a institución provincial leva investidos desde 2019 preto de 7M€ en infraestruturas viarias na comarca de Sarria

A Deputación de Lugo vén de iniciar obras de mellora da estrada provincial LU-P-5709, entre os concellos de Sarria e Paradela, cun investimento que se achega aos 260.000€. As actuacións, adxudicadas á empresa Excavaciones Santiños S.L., afectan a cinco quilómetros de vía, dende o punto quilométrico 5,9 ao 10,7.

Os traballos, que teñen un prazo de execución de 2 meses dende esta mesma semana,  inclúen a limpeza de laterais da vía, obras de drenaxe, a extensión de aglomerado en quente e a sinalización horizontal e vertical. 

Con este proxecto, a estrada que une Sarria e Paradela, dende a parroquia de Santa María a Castro de Rei de Lemos por Vilamaior, verá aumentada a súa seguridade e comodidade. En total esta vía conta con máis de 14 quilómetros, dos que 3,9 son no Concello de Paradela e 10,3 pertencen a Sarria. 

O pasado verán levouse a cabo outra actuación nesta mesma estrada á altura do quilómetro 8,140, que permitiu renovar cun orzamento de 20.000€ a drenaxe existente neste punto, executando unha estrutura que serviu para canalizar a auga do Rego do Barcelo co fin de evitar filtracións de auga na calzada.

A Deputación coa comarca de Sarria

A Deputación de Lugo leva investidos desde 2019 preto de 7M€ en infraestruturas viarias na comarca de Sarria a través de varias liñas de actuación. Dos 4.200 quilómetros da rede de estradas provinciais, a máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta de Galicia na provincia, máis de 300 quilómetros percorren os concellos desta comarca repartidos en máis de medio cento de vías. A institución provincial actúa nestas estradas a través do Plan Único, cos medios propios do Parque Móbil e tamén con cargo ao Plan Provincial de Conservación de Estradas.