Infraestruturas

A Deputación adxudica por preto de 160.000€ a renovación de dúas estradas da rede viaria provincial no Saviñao

rede viaria provincial
Imaxe deputación de lugo
A institución provincial acometerá obras de mellora nun treito de 6,4 quilómetros da LU-P-5807, de Lamaquebrada a Montecelo, e de 5,1 na LU-P-5808, que discorre por Valiñocobo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres adxudicar a rehabilitación do firme de dúas estradas da rede viaria provincial ao seu paso polo concello Saviñao por preto de 160.000€. Os traballos, cos que a institución mellorará máis de 11,5 quilómetros en total, levaranse a cabo na  LU-P-5807, de Lamaquebrada a Montecelo, e na LU-P-5808, que une a LU-P-3202 coa LU-P-4102 por Valiñocobo. 

A LU-P-5807 será renovada nos seus primeiros 6,415 quilómetros cun orzamento de máis de 60.500€, mentres que a LU-P-5808 rehabilitarase dende o comezo ao punto quilométrico 5,125 grazas a un investimento que ronda os 100.000€. A empresa adxudicataria é Fevisa Vías e Obras. 

En ambas estradas os traballos consistirán na reapertura de cunetas, a reparación do estado do firme e o asfaltado da superficie para mellorar a circulación e aumentar a seguridade dos usuarios que empreguen esta vía provincial. 

A mellora destas vías beneficia ao sector turístico e vitivinícola da zona, pasando ademais por parte dela o Camiño de Santiago de Inverno, así como ao sector gandeiro e agrícola. En ambos casos trátase de zonas que contan cun gran volume de tráfico debido aos sectores económicos que abranguen.

A Deputación co Saviñao

A Deputación conta con máis de 4.200 quilómetros de estradas, a rede viaria máis longa de toda España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo. O Saviñao suma máis de 130 quilómetros, repartidos en 26 vías. Nos últimos anos o goberno da Deputación de Lugo investiu preto de 900.000€ para a conservación, mellora e renovación das estradas provinciais neste concello da Ribeira Sacra.