Adxudicado o servizo de mantemento e asesoría gratuíta aos usuarios dos 150 hortos urbanos da Deputación no Rato
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2023-09/HORTOS.jpeg)
A Deputación renova a súa adhesión á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), un proxecto impulsado polo Goberno central do que forma parte dende o seus comezos en 2019, dentro da súa aposta por fomentar na provincia un turismo de calidade e sostible
A institución reforza o proxecto Acelera PEMES, co que presta apoio e asesoramento gratis ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital, poñendo en marcha nos vindeiros días unha oficina móbil que percorrerá todos os concellos
A Xunta de Goberno celebrada este venres aprobou a adxudicación dun novo contrato para a dinamización, posta en valor e mantemento dos 150 hortos urbanos que a Deputación ten no paseo do Río Rato por un importe de 270.000€ e dous anos de duración, prorrogables por outros dous.
Con este servizo, ademais de manter en bo estado estes espazos públicos, a institución provincial ofrecerá aos usuarios e usuarias formación e asesoramento gratuíto e continuado no ámbito da horticultura ecolóxica e do coidado dos terreos, ademais de xestionar os recursos, materiais e maquinaria que a institución poida poñer á súa disposición para os cultivos.
Así mesmo, a adxudicataria deberá xestionar e organizar o día a día nos hortos, con atención presencial, telefónica e dixital en horario de mañá e tarde. Este servizo estará atendido por un coordinador e un xardineiro, que traballarán no coidado do espazo e deberán ter dedicación exclusiva.
Inclúese tamén a creación dunha páxina web para os usuarios e usuarias, así como para o público xeral, que inclúa o programa formativo completo e consellos para un maior éxito nos cultivos. A empresa adxudicataria é Coregal Parques e Xardíns S.L.
Tras a remodelación dos hortos urbanos, a Deputación puxo a disposición da cidadanía no ano 2020 estes espazos públicos para fomentar a conciencia ambiental e a agricultura ecolóxica.
A provincia, Destino Turístico Intelixente
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou aprobar a adhesión ao novo protocolo de actuación para a participación, impulso, apoio e promoción da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) e ao Código Ético da entidade. Trátase dun paso necesario para que a Deputación de Lugo siga formando parte desta Rede estatal, da que é membro dende o seus comezos en 2019, dentro da súa aposta por fomentar na provincia un turismo de calidade e sostible
Entre as modificacións inclúense cambios nos regulamentos base da entidade, así como novas categorías de membros, e ten unha duración de catro anos, prorrogable unha ou varias veces ata un máximo de catro anualidades máis.
A Rede de DTI é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España para fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento que contribúa ao desenvolvemento intelixente dos destinos turísticos.
Reforzo do proxecto Acelera PEMES
Na reunión do Executivo provincial celebrada esta mañá tamén saíu adiante a adxudicación por 20.000€ dun contrato para o subministro do combustible necesario para o funcionamento da oficina móbil do proxecto Acelera PEMES, a través do que a Deputación presta apoio e asesoramento gratuíto ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital de cara a mellorar a súa competitividade, produtividade e abrir novas oportunidades de negocio.
A oficina móbil do Acelera PEMES comezará nos vindeiros días a percorrer todos os concellos da provincia para facer presentacións e chegar a máis empresas, reforzando así a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto dende hai seis meses co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.
Nestes encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.
O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.