Deputación de Lugo

A ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca locen renovados tras a posta e punto que fixo a Deputación

paseo do Rato
concello de lugo
Lugo
Reserva Terras do Miño
As actuacións consistiron na limpeza dos bancos e doutros elementos do percorrido, substitución das papeleiras danadas por outras novas, reparación dos paneis informativos, instalación de fitos quilométricos e pintado de pasos de peóns

Os traballos completan outras accións que acometeu a institución para poñer en valor este espazo público, como a mellora da estrada provincial, a creación dun carril bici, a dotación de alumeado público e a posta en servizo de 150 hortos urbanos

A Deputación de Lugo vén de rematar a posta a punto da ruta do Río Rato e do Paseo da Chanca, nun tramo total de 4,5 quilómetros, que comprende ata a rotonda do Sagrado Corazón. Os traballos consistiron no acondicionamento e na sinalización deste espazo verde e de lecer.

Concretamente, leváronse a cabo diferentes accións destinadas á conservación dos diferentes elementos presentes na ruta, como a limpeza dos 25 bancos de dito treito e a posterior aplicación dun produto protector da madeira; a substitución de 20 papeleiras danadas por outras novas de madeira tratada; ou a limpeza e reparación de 5 paneis informativos. Tamén se instalaron un total de 10 fitos quilométricos cada 500 metros na marxe dos camiños; uns elementos que son de madeira tratada, serigrafiada. Sinaláronse ademais 2 pasos de peóns, nos cruzamentos do itinerario peonil co carril bici, con marcas reflexivas brancas.

Agrotecnia foi a empresa encargada dos traballos, aos que a Deputación destinou máis de 17.000€.

Esta iniciativa forma parte das diferentes accións que a institución provincial levou a cabo recentemente para a posta en valor de este espazo público de lecer e deportivo, situado en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño, e que é tan importante para a veciñanza de Lugo. En concreto, a Deputación investiu este ano 150.000€ na mellora da estrada provincial do Rato, a LU-P-2925, no tramo que vai desde o inicio ata o punto quilométrico 3,079, que se suman aos 500.000€ para a creación de 2,5 quilómetros de carril bici.

Ademais, coa colaboración do Concello, a Deputación dotou tamén ao paseo e á estrada dun sistema de iluminación grazas a un investimento conxunto de 750.000€. Unha actuación que consistiu na instalación de 283 puntos LED entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón.

Hortos urbanos

A Deputación de Lugo puxo a disposición da cidadanía 150 hortos urbanos no entorno do Paseo do Rato, que hoxe teñen 134 usuarios activos. Esta iniciativa continúa a ter moi boa acollida logo de que a institución provincial o puxera en marcha o pasado mandato co obxectivo de poñer a disposición da cidadanía, de xeito totalmente gratuíto, un espazo público para favorecer o lecer medioambiental, a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables.