A Vicepresidencia da Deputación colaborará coa organización da Subida a Taboada, que volve ao calendario galego de montaña tras 17 anos
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará coa organización da Subida a Taboada, que se celebrará os días 4 e 5 de novembro.O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro e o concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada Manuel Diéguez reuníronse este venres para concretar unha colaboración institucional que permita recuperar esta proba de montaña, despois de dezasete anos sen celebrarse. O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a carreira que terá o mesmo trazado que a última edición, celebrada en 2006, nun treito da estrada entre Rubián e Taboada, á entrada da vila.
Efrén Castro encadrou “a colaboración coa proba no apoio da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”
Manuel Diéguez incidiu no "compromiso da concellería de Deportes de Taboada para facer realidade a recuperación deste rally, que queremos consolidar como un referente desta modalidade na comarca aproveitando tamén a oportunidade que supón para dinamizar a vila"
A Subida a Taboada será a ultima proba do Campionato Galego de Rally de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova, que tamén conta coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.