Deputación de Lugo

A Deputación apoia a celebración dun encontro nacional de expertos en horticultura no Campus

Campus Terra
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, subliñou na apertura da 52ª edición do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura o compromiso da institución provincial con esta actividade con iniciativas como a posta a disposición da cidadanía dos hortos urbanos do Rato

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este luns na apertura da 52ª edición do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura que se celebra na Escola Politécnica Superior do Campus Terra. Un acto que contou coa participación do coordinador das xornadas, Benigno Ruiz Nogueiras; o coordinador nacional do encontro, Sotero Molina; a Deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro; o primeiro tenente de Alcaldesa de Lugo, Rubén Arroxo; e o subdirector da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Manuel López Luances.

Miguel Fernández, que deu a benvida a Lugo aos participantes, destacou a importancia deste encontro entre especialistas para “intercambiar coñecementos e mellorar así as infraestruturas e as formas de investigación”.

O Deputado destacou o compromiso da institución provincial con esta actividade e co sector primario en xeral, co impulso de iniciativas como a posta a disposición da cidadanía de maneira gratuíta dos hortos urbanos do Rato. Un proxecto co que a Deputación fomenta o cultivo da horticultura ecolóxica e o seu consumo, a conciencia medioambiental e o lecer saudable. 

O 52º Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura reúne esta semana en Lugo a máis de 30 profesionais, investigadores e técnicos do sector en España, e presentará os resultados dos últimos traballos de experimentación neste eido. O obxectivo fundamental deste encontro é transferir o coñecemento xerado para conseguir produtos de calidade e garantir un futuro rendible e sostible para o sector hortofrutícola español.