Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Formación
Turismo

A Deputación apoia por terceiro ano a Feira L de Lugo, que exhibirá o mellor da gastronomía da provincia

presentación
Feira L de Lugo
pazo de feiras
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, xunto ao presidente e outros representantes de Adislugo, presentou en San Marcos esta cita que se celebrará o domingo e o luns no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo coa participación de máis de 150 distribuidoras e pequenas empresas de toda España

García Porto destacou que a institución renova a súa colaboración con 15.000€ cun evento que “en tan pouco tempo pode presumir de ser un espazo de referencia na gastronomía do noroeste de España, traendo a Lugo ás mellores marcas de alimentación”

Ademais, a Deputación terá presenza na feira cun expositor no que ofrecerá información sobre o Acelera PEMES, o programa de asesoramento gratuíto ás empresas da provincia en materia de transformación dixital, e sobre a Axencia de Colocación

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xunto ao presidente da Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (AdisLugo), Eloy García López, presentou este martes no Pazo de San Marcos a terceira edición da Feira L de Lugo, un evento que volverá a exhibir este vindeiro domingo e luns, os días 24 e 25 de setembro, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o mellor da gastronómica da provincia co apoio da Deputación. 

Así o anunciou García Porto durante o acto de presentación, sinalando que a institución provincial mantén con 15.000€ a súa aportación económica á cita, axudando desde os seus inicios a súa celebración, e felicitou as distribuidoras lucenses “por crear un evento único, nun momento especialmente complexo polo que estabamos a atravesar no ámbito sanitario e económico, coa finalidade de reivindicar a importancia do sector para a nosa economía e para o noso turismo”. 

Un evento atractivo que, durante dous días, pon en contacto a profesionais e o público en xeral no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e que despois de tres anos, destacou a Deputada, a organización superou todas as expectativas, “pois en tan pouco tempo pode presumir de ser xa un espazo de referencia na gastronomía do noroeste de España, traendo a Lugo ás mellores marcas de alimentación en fresco e conxelado, adegas, cervexeiras, maquinaria de hostalaría ou menaxe”. 

A Deputación, subliñou a Deputada, tiña que estar un ano máis a carón dos distribuidores nesta feira porque desenvolven “unha actividade fundamental para dinamizar a economía, xerar emprego e poñer en valor un turismo de calidade e de experiencias polo que apostamos desde esta institución”. Unha colaboración, dixo, “que responde ao noso apoio ao tecido asociativo e produtivo, e que se vén a sumar a outras iniciativas postas en marcha por esta institución como o Saborea a túa Provincia ou o Coñece a túa Provincia”. 

Pola súa parte, o presidente de AdisLugo, acompañado polos membros do colectivo lucense Genaro Trigo, Alejandro García e David Diéguez, aproveitou para dar as grazas á Deputación pola súa confianza e apoio constante a esta feira, que contribuíu a ser o que é hoxe: “un importante escaparate da nosa riqueza gastonómica e vitivinícola, para converter xuntos a Lugo nun destino turístico de primeiro nivel”. 

Nesta terceira edición, sinalou Eloy García, “contaremos con máis de 150 adegas que expoñerán máis dun millar de viños, o que nos permitirá presentar os nosos produtos entre as marcas vinícolas máis selectas de denominacións de orixe tanto a nivel galego como nacional”.

Acelera PEMES e Axenda de Colocación

A institución provincial terá ademais presenza na feira cun expositor no informará sobre a Axenda de Colocación e o Acelera PEMES, o programa de asesoramento gratuíto ás empresas en materia de transformación dixital que ten en marcha.


Un gran espazo para experimentar

A terceira edición da Feira L de Lugo será os días 24, domingo, e luns 25, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. As entradas terán un custe de 20 euros e permitirán acceder a talleres, degustacións e música en directo, con previa inscrición a través da páxina web do evento:  https://entradium.com/events/3-feria-l-de-lugo

A primeira xornada, a do domingo, está aberta a todo o público que queira coñecer e degustar os produtos expostos, mentres que a segunda xornada, a do luns, está máis pensada para profesionais da alimentación, hostalería e distribución por ser día laborable, e servirá como festa de homenaxe a todos eles por parte das empresas de distribución. 

A cita celebrarase en horario de 12.00 a 21.00 horas e ademais dos expositores contará tamén con experiencias gastronómicas elaboradas con produtos autóctonos  da man de recoñecidos cociñeiros, catas coas últimas tendencias de coctelería, e incluso poderase desfrutar da elaboración do pan galego por parte de mestres panadeiros.