A Deputación dá a benvida á Ruta Enfermeira para concienciar sobre hábitos saudables
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este mércores na Horta do Seminario de Lugo na apertura do tráiler Ruta Enfermeira, unha iniciativa impulsada polo Consello Xeral de Enfermaría e os colexios provinciais para concienciar sobre hábitos saudables e o labor dos profesionais da enfermaría.
Miguel Fernández deulles aos organizadores da iniciativa os parabéns e a benvida á provincia de Lugo, onde chegan logo de iniciar o seu percorrido no mes de xuño en Vitoria-Gasteiz e de visitar outras cidades como Oviedo, Santander, Bilbao, Pontevedra, A Coruña ou Santiago, das máis de 60 que forman parte da ruta.
O tráiler da Ruta Enfermeira recala en Lugo ata este venres, 22 de setembro, e pode visitarse en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Un espazo no que se desenvolverán auto test de saúde, probas diagnósticas, proxección de vídeos, charlas, talleres e xogos para os máis pequenos.