Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Daniel García inaugurou as Xornadas de Desenvolvemento Rural de Imposible ao Posible, que se celebraron a fin de semana no Courel

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
ASOCIACIÓN DESENVOLVEMENTO RURAL COUREL
DANIEL GARCÍA

O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García inaugurou as I Xornadas de Desenvolvemento Rural Do Imposible ao Posible, organizadas pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo esta fin de semana na Estación Científica de Seoane do Courel.

O responsábel provincial abriu o encontro, orientado ao intercambio de recursos, experiencias e coñecemento entre persoas  interesadas en desenvolver iniciativas produtivas e vitais no rural. Daniel García sinalou que “o apoio ao intercambio de experiencias e a vontade de crear rede entre as persoas que apostan por desenvolver a súa actividade profesional e vital no rural é un do eixos dos proxectos impulsados desde a área de Medio Rural, porque compartimos a idea de que queda moito por facer para o desenvolvemento pleno do potencial existente no rural, tamén nos espazos de montaña” e puxo como exemplo iniciativas como o programa Da Escola á Granxa que, ademais de achegar escolares a proxectos de emprendemento no rural, crea sinerxias entre as gandeirías e producións participantes”.

Na xornada do sábado, interviron representantes de proxectos de transformación agroalimentaria en distintos puntos de Galiza como Mel de Outurelos, Amarelante, Cervexas Píntega ou A Carqueixa. E de proxectos comunitarios que impulsan iniciativas colectivas de aproveitamento do territorio e de comercializacion de produtos agroalimentarios como a Comunidade de Montes en Man Común de Carballo ou a Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada, ou a Asociación Galega de persoas e entidades comercializadoras Terra,

O domingo, celebrouse unha mesa redonda con representantes de proxectos de turismo sostible como Cabanas Ancares, Casa Chaín ou Lugar das Marías.
 

Daniel García cun grupo de persoas participantes nas Xornadas