Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente supervisa as obras de mellora da estrada do Burgo, ás que a Deputación destina 300.000€

Deputación de Lugo
GUNTÍN
José Tomé Roca comprobou este venres o estado dos traballos de aglomerado que a institución provincial acomete nun novo treito de 5 quilómetros da LU-P-2901 ao seu paso polo Burgo, concretamente entre os puntos 13,100 e 18,25

O mandatario provincial destacou que con este novo investimento dase continuidade ao xa acometido pola institución nos 8 quilómetros anteriores, polo que esta vía quedará renovada prácticamente na súa totalidade dotando de máis seguridade e comodidade aos veciños

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres as obras de renovación dun novo tramo da estrada provincial entre Lugo e Guntín ao seu paso pola parroquia do Burgo, a LU-P-2901, á que a institución provincial destina 300.000€. José Tomé Roca acompañado da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e técnicos provincias comprobou a pé de obra os traballos que comezaron esta semana co aglomerado en quente, e que afectan a un treito de 5 quilómetros, dende os puntos 13,100 ao 18,250. Para a execución dos traballos a institución provincial ten habilitados desvíos alternativos debidamente sinalizados e prevese que estean finalizados o próximo luns quedando aberta a vía á circulación do tráfico.

O proxecto contempla a pavimentación con aglomerado en quente, polo que mellorará a regularidade do firme e a seguridade e comodidade dos usuarios, ademais de garantir a súa conservación alomenos durante cinco anos dada a resistencia deste material. Previamente, realizouse a reapertura de cunetas, eliminando a vexetación e os aterramentos, así como tarefas de limpeza e drenaxe para garantir a evacuación das aguas. As obras rematarán co pintado da vía mediante marcas reflexivas brancas e a sinalización  vertical. 

Con esta nova actuación, a LU-P-2901 quedará practicamente renovada na súa totalidade porque estes traballos dan continuidade ás melloras xa acometidas polo Goberno provincial nos 8 quilómetros anteriores, é decir entre os puntos quilométricos 5,500 e 13,100, aos que destinou 350.000€. Ademais, actuouse con anterioridade noutros tramos, o situado entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, á altura do concello de Lugo; e entre os quilómetros 21,370 ao 25,000.

O Presidente lembrou que se cumpre así coa palabra dada a principios deste ano nun encontro mantido cos veciños das parroquias polas que pasa a estrada. Deste xeito, destacou que a Deputación leva investido nos últimos anos máis de un millón de euros nesta vía, que soporta unha grande densidade de tráfico pois é moi utilizada tanto polos veciños e veciñas das parroquias do rural de Lugo, como de Guntín e de Palas de Rei, así como polos peregrinos que toman esta ruta para facer o Camiño de Santiago.