Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Día do Veciño, que recoñece aos deputados Pablo Rivera e Marisol Morandeira

Día do Veciño
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, presidiu o acto de presentación do encontro hoxe en San Marcos, que contou coa presenza do presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, e da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades e uns 50 membros do colectivo organizador

A institución provincial colabora cunha achega de 24.000€ para ofrecer produtos de proximidade na cita, que reunirá a unhas 5.000 persoas este domingo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e durante a que se entregarán as 25 V de Veciño

García Porto destacou que o encontro “reflicte a puxanza do movemento veciñal da provincia”, co que a Deputación mantén un firme compromiso de colaboración, “achegando recursos para que poidan sacar adiante as súas actividades, e escoitando sempre as xustas reivindicacións e propostas que achegan”

A Voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a presentación dunha nova edición do Día do Veciño, que o vindeiro domingo, 22 de outubro, reunirá a unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e premiará coa V de Veciño, entre outras persoas e entidades, aos deputados provinciais Pablo Rivera Capón, responsable da área de Promoción Económica e Social e tamén Tenente de Alcalde de Láncara, e Marisol Morandeira, Deputada de Muller e Igualdade, e Alcaldesa de Guitiriz.

O acto contou coa presenza do presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, a entidade impulsora do evento; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, entre outras autoridades e uns 50 membros do colectivo organizador.

A Deputación colabora co Día do Veciño cunha achega de 24.000€ para distribuír entre os asistentes produtos de proximidade, entre outros fins.

García Porto comezou destacando que o Día do Veciño “reflicte a puxanza do movemento veciñal da provincia e constitúe un dos sinais de identidade dos que nos temos que sentir máis orgullosos”. Nestes sentido, subliñou que a Deputación mantén un firme compromiso de colaboración co movemento veciñal, “como é neste caso co Día do Veciño, para o que aportamos produtos de proximidade e poñemos en valor deste xeito a súa calidade, e o potencial do sector primario e do noso rural; tamén achegamos axudas económicas para que poidan sacar adiante as súas actividades; e escoitamos e analizamos sempre con detemento as xustas reivindicacións e propostas que nos achegan en beneficio da provincia”.

 O Día do Veciño “reúne a milleiros de veciños e veciñas unidos polo mesmo sentimento de pertenza a esta terra e compartindo os valores cívicos da boa veciñanza como cemento básico da democracia”, afirmou.

Trátase “dunha festa de unión e, por iso, as institucións temos que traballar para que esa unidade tan viva no plano emocional se manteña tamén no dos dereitos. Non pode haber veciños de primeira e de segunda. Os dereitos como cidadáns e o acceso aos servizos públicos de calidade deben ser iguais para toda a veciñanza”. “Só se pode defender a provincia de Lugo cando se traballa para todos os veciños e veciñas, para o cen por cen das persoas e para a totalidade do territorio. Esa é a mensaxe que nos lanzan os veciños e ese é o compromiso da Deputación de Lugo, agora e no futuro”, recalcou a Deputada.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou a súa intervención para poñer en valor ao movemento veciñal, "protagonistas de reivindicacións que tiñan por obxectivo mellorar o noso municipio e a vida de moitas persoas e, por tanto, motores da consecución de grandes fitos que fan que Lugo sexa hoxe unha cidade mellor".

A rexedora fixo fincapé tamén na estreita colaboración que dende o Concello se mantén co tecido asociativo que ten algúns deses exemplos no programa "Dito e Feito", dentro do Muramiñae Rehabilita, a través do cal se executaron máis 60 intervencións na capital nos últimos meses atendendo ás suxestións e peticións das e dos residentes nos diferentes barrios e mesmo o proceso de consulta para buscar o consenso en torno ao Plan de Turismo Sostible ou para atraer interese particular á rexeneración urbanística prevista para a Milagrosa e o barrio Feijoo.

“Temos a convicción de que unha comunicación fluída, unha escoita permanente e un traballo colaborativo eficaz son as mellores ferramentas para aumentar a participación cidadá e que así todo ese labor compartido reverta sobre a sociedade. Neste asunto, o tempo nos está a dar a razón, por que en Lugo o tecido asociativo segue a medrar, o que, sen dúbida, nos está enriquece como comunidade. De aí que desde o Goberno local consideremos fundamental seguir prestando apoio para traballar en todos aqueles asuntos que preocupan á veciñanza”, sinalou Lara Méndez.

V de Veciño

No Día do Veciño 2023 farase entrega das 25 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas ou entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Este ano serán galardoados, entre outros, os deputados provinciais Pablo Rivera e Marisol Morandeira; o presidente da Confederación Estatal de Asociacións de Veciños, Julio Molina; as Filloeiras de Muimenta, a Asociación de Santa Cristina de Lugo; Protección  Civil da Fonsagrada ou a Asociación Veciñal de Mor, de Alfoz, entre outros.