Deputación de Lugo

As Deputacións de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, a Xunta de Galicia e a FEGAMP condenan o uso da violencia nas protestas dos bombeiros comarcais

Consorcio de Bombeiros
Imaxe deputación de lugo
Expresan a súa rotunda condena ao uso da violencia nas protestas e instan aos bombeiros a retomar a vía do diálogo para dar solución ás súas demandas

Apuntan que disturbios coma o de onte en Ourense, no que incluso se empregou un lanzachamas, poñen en serio risco a seguridade das persoas e non deberían volver a producirse

A Xunta de Galicia, as Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) expresan a súa máis rotunda condena ás manifestacións de violencia que tiveron lugar nos últimos días durante as protestas dos bombeiros comarcais en Pontevedra e Ourense e nas que resultaron feridas varias persoas e se causaron importantes danos materiais.

A Xunta de Galicia, as deputacións galegas e a Fegamp entenden que calquera colectivo profesional ten dereito de reclamar melloras laborais, pero consideran inxustificable e inadmisible o uso da violencia nas protestas. Estas administracións galegas destacan tamén a actuación responsable por parte da Policía Nacional.

Imaxes como as de onte en Ourense, nas que se viu a rotura de xanelas, o uso de botes de fume e incluso o emprego de lanzachamas na vía pública, non deberían volver a producirse nunca, xa que poñen en risco a integridade das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos traballadores e traballadoras da Deputación e das persoas que circulan pola rúa. 

Xunta, deputacións e Fegamp sosteñen que o uso da forza nunca vai dobregar a defensa do interese público e instan aos bombeiros comarcais a retomar o diálogo e a negociación, como única vía posible para chegar a acordos.  Consideran que ningunha demanda, por lexítima que sexa, xustifica episodios violentos como os que tiveron lugar onte fronte á Deputación de Ourense.