Deputación de Lugo
Formación

A Deputación colabora coa USC na xornada sobre Retos no Sector Lácteo, que se celebra hoxe en Lugo

USC
granxa gayoso castro
granxa experimental de leite
O Deputado de Recursos Sostibles participou este mércores na Politécnica na inauguración da cita, que abordará os desafíos do sector en materia de financiamento, sostibilidade, produción e innovación

Francisco Cajoto puxo en valor este foro, que inclúe unha visita á Granxa Gayoso Castro da Deputación, unhas instalacións, que “son hoxe un referente en canto a iniciativas públicas en apoio das explotacións gandeiras, e constitúen un dos piares máis importantes do respaldo que prestamos dende esta institución ao sector primario como un motor fundamental para a economía da nosa provincia”

Dentro da xornada, aberta ao público, os participantes teñen a oportunidade de coñecer de preto o labor de investigación, innovación, formación e transferencia de coñecemento que Deputación e USC desenvolven na Granxa Experimental de Leite

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este mércores no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo na inauguración da xornada Retos do Sector Lácteo, que organizada o grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROePLA) da Universidade de Santiago de Compostela coa colaboración da Deputación. O foro, aberto ao público, aborda o futuro das explotacións de vacún de leite de Galicia en torno a catro eixos fundamentais, como son o financiamento, a sostibilidade, a produción e a innovación. 

No acto inaugural, Francisco Cajoto estivo acompañado polo Vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco Fraga, e polo catedrático e director da xornada, Manuel Marey. O Deputado destacou a importancia deste foro porque “o sector lácteo é, sen dúbida, un dos motores fundamentais do noso sector primario e da nosa economía. Un sector que contribúe a xerar riqueza, á ordenación do territorio, ao coidado do medio ambiente, pero tamén a manter a nosa identidade como país, e a proxectar á provincia de Lugo, cun traballo baseado na calidade, no aproveitamento das tradicións e na capacidade de innovación”. Neste sentido, sinalou que “a aposta pola investigación e pola innovación é precisamente o que permite avanzar en sostibilidade, o que permite crear valor engadido para os produtos, e xerar novos modelos de explotación que atraian aos máis novos e manteñan a actividade gandeira no noso rural como un proxecto de futuro interesante”.

Así mesmo, o Deputado fixo fincapé en que o sector primario é unha das accións prioritarias da acción de Goberno da Deputación, que se materializa en distintos proxectos e na colaboración permanente coa Universidade. “Mantemos unha liña aberta de cooperación permanente co Campus de Lugo, e buscamos sempre a implicación dos produtores, dos gandeiros e gandeiras, porque só intercambiando as experiencias de todos, no laboratorio e nas granxas, poderemos seguir mellorando”. 

Precisamente, trasladoulles aos presentes que esta mesma tarde terán a oportunidade de coñecer a Granxa Experimental de Leite que puxo en marcha a Deputación en colaboración co Campus Terra no complexo de Gayoso Castro, en Castro de Rei. “Un centro pioneiro en Galicia, pois é o primeiro público na comunidade autónoma que une formación e investigación universitarias sobre o sector lácteo para poñelas ao servizo dos gandeiros e gandeiras”, destacou.

Na Granxa Experimental de Leite cóbrese unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, “o que supón un engadido de calidade na formación do alumnado porque fai prácticas nun laboratorio vivo”, subliñou o Deputado, quen lembrou que tanto este centro como no conxunto das instalacións que a institución provincial ten en Gayoso Castro, onde se realiza unha importante actividade de recría de gando vacún de leite e de Raza Rubia Galega, “son hoxe un referente en canto a iniciativas públicas en apoio das explotacións gandeiras, e constitúen un dos piares máis importantes do respaldo que prestamos dende a Deputación de Lugo ao sector primario como un motor fundamental para a economía da nosa provincia”.

Rematou Cajoto Caserío a súa intervención desexando aos participantes unha proveitosa xornada, e sinalou que “o futuro do sector primario e do rural constrúese traballando todos os días, como fan os gandeiros e gandeiras, os investigadores e investigadores, e como van facer os participantes da xornada, que a Deputación apoia, como vai apoiar sempre calquera actuación que potencie o noso sector lácteo”.

Análise do futuro do sector e visita á Granxa Experimental de Leite

A xornada comezou co relatorio titulado Retos para a financiación, da man de Jesús Combarro, licenciado en Administración de Empresas pola USC. Seguidamente, falou o enxeñeiro agrónomo pola UPM e actual responsable de produto Egalis da multinacional Alltech que ofreceu aos asistentes fórmulas para reaproveitar os residuos gandeiros. A media mañá, o director técnico do grupo Aresa, Rubén de Castro, abordou a fertilización de solos como base para a produción de forraxes; e finalmente rematou coa parte expositiva o enxeñeiro agrónomo e responsable da empresa Innogando, Mario Rouco.

Xa pola tarde, a xornada continuará na Granxa Gayoso Castro da Deputación. Os asistentes coñecerán de primeira man o traballo que a institución provincial e a Universidade están a levar conxuntamente na Granxa Experimental de Leite, tanto en materia de investigación e innovación, como de formación e transferencia de coñecemento. A directora da Granxa provincial, Sonia Verdes, acompañará aos participantes durante a visita polas instalacións do centro, nas que se ofrecerá unha demostración do funcionamento dos equipos de última xeración cos que conta a granxa de leite, como exemplo de como a tecnoloxía pode axudar aos gandeiros a afrontar desafíos á hora de xestionar a súa explotación.

25 anos apostando polo sector agrario

O grupo de investigación PROePLA da Universidade de Santiago leva 25 anos traballando e apostando pola transferencia de coñecemento, a investigación e a innovación en colaboración co sector agrario galego. Neste tempo, desenvolveron numerosos proxectos de investigación, publicacións e teses doctorais, que foron recoñecidos a nivel global permitindo acadar a categoría de Grupo de Referencia Competitiva (GRC) de Galicia.

Unha destas actividades son as Xornadas PROePLA, nas que dende diferentes ámbitos de fóra da universidade prestixiosos relatores abordan temas de interese para os sectores estratéxicos da provincia e de Galicia.