Deportes e mocidade
Medio ambiente

A Deputación e a USC publican un libro sobre as árbores senlleiras da provincia

Medio Ambiente
USC
Reserva da Biosfera
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este luns no Pazo de San Marcos na presentación da publicación Árbores senlleiras da provincia de Lugo, elaborado por Antonio Rigueiro e Gaspar Bernárdez Villegas

Pablo Rivera: “Este libro é un mostrario do patrimonio natural que temos na nosa provincia. Unha guía para coñecelo e aprender a coidalo. Pero tamén un recordatorio de todo o que o medio ambiente representa, e unha invitación a seguir pensando en formas de convertelo nun activo en torno ao que artellar modelos de futuro sostibles”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos no acto de presentación do libro que publican a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela Árbores senlleiras da provincia de Lugo, elaborado por Antonio Rigueiro, catedrático da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC), e Gaspar Bernárdez Villegas, Doutor en Investigación Agraria e Forestal.

Rivera Capón sinalou que a publicación é “un resultado máis da sempre proveitosa colaboración que mantemos a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago”. Destacou un libro “rigoroso, que afonda no coñecemento do noso patrimonio natural e do noso medio ambiente, que nos fala de especies arbóreas como carballos, castiñeiros ou teixos, pero tamén do clima ou das condicións edafolóxicas que os fan medrar”.

Unha publicación, explicou, “amena, chea de amor pola natureza e que nos invita a abraiarnos ante todo o que unha árbore representa”, tal e como destacou o Deputado, quen engadiu que as árbores son “testemuña do paso do tempo. Un gardián da historia do territorio e das comunidades humanas que o habitan”. Porque “as árbores, máis lonxevas que as persoas, lémbrannos o mellor do noso pasado, pero tamén nos indican camiños de futuro. Coidar o bosque, e ligar a preservación e a posta en valor do medio ambiente con modelos de turismo sostible, é, por exemplo, unha vía de desenvolvemento para o rural”, subliñou Rivera Capón.

Lembrou o Deputado os diferentes proxectos cos que a institución provincial traballa nese sentido, como o de recuperación dos soutos dos Ancares co que a Deputación gañou o premio España Creativa, “precisamente por ser un exemplo de como revitalizar con criterios actuais os modelos de explotación tradicionais”, e que contribúe a impulsar un produto autóctono como a castaña.
“Este libro é un mostrario do patrimonio natural que temos na nosa provincia. Unha guía para coñecelo e aprender a coidalo. Pero tamén un recordatorio de todo o que o medio ambiente representa, e unha invitación a seguir pensando en formas de convertelo nun activo en torno ao que artellar modelos de futuro sostibles”, concluíu.

A obra
Árbores senlleiras da provincia de Lugo recolle 120 árbores senlleiras ou grupos de árbores da provincia de Lugo, das cales 35 árbores e 6 formacións forman parte do actual Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. En conxunto, constitúen unha representación moi importante dos monumentos vexetais do territorio estudado. Na publicación, as especies que aportan máis exemplares son o carballo pedunculado (Quercus robur), con 28 monumentos vexetais, o castiñeiro (Castanea sativa), con 21, e o teixo (Taxus baccata), con 9. E os concellos que aportan máis monumentos vexetais son o de Lugo (24), Folgoso do Courel (12), Cervantes (9), Sarria (9), O Incio (7) e Carballedo (6).