Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Economía

O Presidente participa este primeiro de novembro na tradicional Feira de Santos de Monterroso

Monterroso
feira de santos
PLAN UNICO
José Tomé Roca destaca o “revulsivo económico” que supón para a provincia a celebración desta cita, que conta cunha achega de 8.000€ da Deputación, e que “é capaz de multiplicar por dez este día o número de persoas no municipio”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este 1 de novembro  na tradicional Feira de Santos de Monterroso, á que a Deputación aporta para a súa celebración unha achega de 8.000€ a través do Plan Único. José Tomé destacou o “revulsivo económico” que supón para a provincia a celebración desta xornada, que con máis de 800 anos de historia e uns 1.000 feirantes, “é capaz de multiplicar por dez neste día o número de persoas no municipio ao recibir a milleiros de visitantes”. 

O mandatario provincial, que estivo acompañado pola Voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e de Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o Deputado de Participación Cidadá, Iván Castro Díaz, entre outras autoridades, visitou os postos dos feirantes concentrados na súa maior parte na Cúpula, epicentro da celebración, onde se poñen á venda desde produtos agrícolas, da horta, e de artesanía, ata exemplares de gando ou maquinaria agrícola. 

A Feira de Santos de Monterroso está declarada Festa de Interese Turístico Galego desde 2011, e está considera un dos eventos máis importantes que se celebran nesta xornada festiva en toda Galicia. “É un gran escaparate para poñer en valor os produtos de proximidade, pero tamén para exaltar a riqueza do noso rural”, recalcou Tomé Roca.