Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo supervisan as obras de renovación da rúa San Isidro Labrador, na fase final

concello de lugo
A Deputación financia integramente estes traballos cun investimento de preto de 165.000€ para a reposición da práctica totalidade das beirarrúas, da pavimentación e da sinalización horizontal e vertical, a instalación dun novo sistema de desaugue de pluviais e a substitución da rede de abastecemento

José Tomé subliñou que o proxecto, “froito do diálogo e colaboración permanente que mantemos Deputación e Concello”, favorece “unha contorna urbana máis agradable, que facilita o paseo, a convivencia e a identidade como barrio e, ao mesmo tempo, a actividade económica nunha zona con marcado carácter comercial e hostaleiro”

Lara Méndez explicou que esta actuación dá resposta a unha demanda que trasladaron os veciños e veciñas do barrio da Piringalla e agradeceu á institución provincial o seu compromiso coa cidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, supervisaron este xoves as obras que acomete a institución provincial na rúa San Isidro Labrador, no barrio da Piringalla, para a súa renovación e mellora. Unha actuación financiada integramente pola Deputación cun investimento de preto de 165.000€, que se atopa na súa fase final de execución, pois está previsto que remate a finais deste mes.

O proxecto inclúe a renovación da práctica totalidade das beirarrúas, a pavimentación do firme da calzada con aglomerado en quente, a sinalización horizontal e vertical, a instalación dun novo sistema de desaugue de pluviais e a substitución da rede de abastecemento actual, de fibrocemento, por tubaxes de fundición dúctil. Na actualidade, están feitas as obras dunha marxe da rúa e estase acometendo a substitución do abastecemento na outra.

O mandatario provincial subliñou que esta actuación favorece “unha contorna urbana máis agradable, que facilita o paseo, a convivencia e a identidade como barrio e, ao mesmo tempo, a actividade económica nunha zona con marcado carácter comercial e hostaleiro”. As obras, recollidas nun convenio de colaboración asinado no mes de marzo polo Presidente e a Alcaldesa e iniciadas no mes de agosto, son froito do “diálogo e colaboración permanente” que mantén a Deputación e o Concello de Lugo para “mellorar os espazos públicos, a mobilidade, a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas”, asegurou José Tomé.

Neste sentido, lembrou que a Deputación leva investido dende o pasado mandato máis de 17M€ no municipio de Lugo a través de diversas actuacións, entre as que se encontra o desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena,  coa primeira fase rematada e a segunda en tramitación, ou a reforma e mellora do complexo de Santa María, ademais de outras colaboracións co Concello, así como co tecido asociativo e produtivo do concello.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo lembrou que con estas obras "damos resposta a unha demanda que me trasladaron os veciños e veciñas do barrio da Piringalla cando melloramos a rúa Manuel María, momento no que nos pediron un cambio de beirarrúas en San Isidro Labrador, unha actuación que quixemos complementar renovando tamén a rede de abastecemento, en consonancia coas actuacións que estamos a desenvolver desde o Concello de cambio das tubaxes de fibrocemento polas de fundición, moito máis seguras e respectuosas co medio ambiente".

Neste senso, a rexedora agradeceu á Deputación de Lugo, que financiou as obras, o seu compromiso coa veciñanza do municipio, e a colaboración permanente coa administración local para mellorar a calidade de vida dos e das lucenses. "Esta actuación súmase, así mesmo, aos traballos que estamos a executar dende o executivo municipal para humanizar e facer máis accesibles e cómodas numerosas rúas e vías da cidade".