Deputación de Lugo

As xornadas Técnicas de Vacún de Leite celebran vinte anos, co apoio da Deputación de Lugo

Seragro
O Deputado de Promoción Económica e Social presentou esta cita que se celebra o 16 e 17 de novembro na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC cun programa moito máis centrado nos gandeiros e gandeiras

Rivera Capón: “Esta cita achega ao persoal que traballa no sector os aspectos máis innovadores, permitindo crear granxas máis sostibles e máis competitivas, que é do que se trata”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presentou este luns, na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, as XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro cun apoio económico da Deputación de Lugo que ascende aos 12.000€. A institución provincial apoia un ano máis esta cita, que se celebra o 16 e 17 de novembro na Facultade de Veterinaria e permite coñecer as melloras que se están levando a cabo no sector.

No acto tamén participaron o concelleiro de Transición Ecolóxica e Impulso Rural do Concello de Lugo e Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; o presidente do colectivo, Víctor Manrique; e responsables da organización desta cita. Manrique destacou a importancia da aposta da Deputación de Lugo a esta cita para “a continuidade e o compromiso co sector primario”.

Rivera Capón destacou a importancia deste encontro para “achegar os aspectos máis innovadores ao persoal que traballa na cita e converte as granxas en espazos máis sostibles, pero tamén máis competitivos, que é do que se trata”. Así mesmo, celebrou a implicación da institución provincial nestas xornadas para “continuar traballando nun cambio no sector, repensando o modelo actual e mellorando as técnicas de vacún de leite”. 

Recordou o traballo que a Deputación realiza da man do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, materializado na Facultade de Veterinaria, con proxectos como a Granxa Gayoso Castro, de titularidade provincial. “Estas xornadas celébranse nunha das mellores facultades do Estado e son unha oportunidade para coñecer a realidade e outorgar valor engadido”, explicou.

Pola súa banda, Fernández sinalou a importancia do ámbito rural para o concello de Lugo e explicou que “aspiramos a que sexa un lugar de oportunidades e para vivir, un espazo que crea riqueza, postos de traballo e fixa poboación”.

O programa do 20 aniversario
Seragro deseñou na vixésima edición un programa con maior presenza de gandeiros e gandeiras, tanto galegos como de fóra de Galicia, que darán voz ao sector e permitirán coñecer a realidade. Esta novidade sumarase ao tradicional encontro gandeiro, que terá lugar o xoves 16 de novembro ao final da xornada, para poñer en común os temas tratados. A clausura será a cargo do humorista e guionista Federico Pérez o venres ás 17:30 horas. 

Xoves, 16 de novembro
10:30 horas: Inauguración
11:00 horas: A microbiota mamaria da vaca - Juan Miguel Rodríguez Gómez, Catedrático do Departamento de Nutrición e Ciencia dos Alimentos da Universidade Complutense de Madrid
11:35 horas: A sala de espera desespera – Víctor Manuel Rodríguez Gómez, veterinario de Seragro
12:40 horas: Aumentar o rendemento no millo, é posible? - David Vilacoba, enxeñeiro agrícola
13:10 horas: Mellorar a calidade da herba, é posible? - Ana Rama Andrade, enxeñeira agrónoma de Seragro
13:40 horas: O caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións – Diana Freijeiro Lorenzo, enxeñeira agrónoma
16:00 horas: Fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais afectan ao teu negocio – economista
16:30 horas: Mesa redonda: O día a día en granxas con sistemas de monitorización
18:00 horas: Encontro Gandeiro

Venres, 17 de novembro
11:00 horas: Por que o meu veciño produce máis ca min? Deseño e manexo de instalacións – Alberto Jurado Moreno, enxeñeiro agrónomo
11:45 horas: O manexo e mellora de instalacións enfocados á saúde podal – Marc Pineda Balsells, veterinario
13:00 horas: Como utulizar de xeito práctico os datos que nos dan as tecnoloxías da granxa  – Aurora Villarroel, doutora veterinaria
16:30 horas: Mesa redonda: Xestión de persoal
17:30 horas: Acto de clausura con brinde do leite