Cultura
Deputación de Lugo

O Pazo de Tor recibe 62 libros en Braille para engadir á colección da súa biblioteca

cultura
REDE MUSEISTICA PROVINCIAL
Museo Pazo de Tor
IRIA CASTRO
Braille

O Pazo de Tor recibiu unha colección de 62 libros en alfabeto braille doados da biblioteca María Teresa de Castro Luaces. A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a cesión e sinalou a importancia de “contar con estas publicacións polo seu valor social”.

Os exemplares serán catalogados e, posteriormente, incorporados ao catálogo de consulta da biblioteca do museo. Iria Castro sinalou a importancia de sumar estas doazóns a un arquivo público para “a consulta cidadá e dar así acceso a quen o precise”.

Entre os títulos que se suman á colección provincial encóntranse Cantares galegos, de Rosalía de Castro; O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, ou Rimas e Lendas, de Gustavo Adolfo Béquer, entre outros. Ademais de poesía e narrativa tamén se suman exemplares para a ensinanza e a aprendizaxe a través do alfabeto Braille.