Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación reabre as rutas en catamarán polo Miño tras rematar o mantemento que fixo Naturgy no encoro

catamaráns
rutas fluviais
Dende este mércores pódense reservar de novo os billetes para desfrutar destas viaxes que a institución provincial se viu obrigada a suspender no mes de outubro pola baixada do nivel da auga. As reservas pódense facer na web reservas.rutasembalses.es

Este mes de novembro funcionarán as dúas rutas, esta do Miño e tamén a do Sil, con viaxes nas fins de semana, tanto os sábados coma os domingos, con saídas pola mañá e pola tarde. En decembro os catamaráns sairán dende o día 2 ata 10 todos os días, con motivo da ponte da Constitución

A Deputación de Lugo reabre as rutas en catamarán polo Miño unha vez que a empresa Naturgy lle comunicou o fin dos labores de mantemento que estaba realizando no encoro dos Peares. Estes traballos reduciron o caudal do río, o que imposibilitaba a navegación dos barcos. Agora, os barcos volverán a navegar ata a fin de temporada por este itinerario, que parte de Belesar (O Saviñao), e que se veu interrompido no mes de outubro.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informa desta nova resaltando que “dende este mércores volvemos ter habilitadas as reservas para que todo aquel que o desexe poida desfrutar desta fermosísima ruta, que ten unhas particularidades moi curiosas e que segue sorprendendo a todo aquel que a fai”. Todas as persoas interesadas en mercar o seu billete poden facelo na web reservas.rutasembalses.es.

Subliña García Porto que esta decisión responde “ao noso compromiso co sector turístico, como non podía ser doutra maneira, sendo plenamente conscientes da importancia que teñen as nosas rutas para a Ribeira Sacra como motor económico”. “As persoas que deciden facer algunha das rutas da Deputación adoitan pasar o día na comarca, ou mesmo fan noite para poder vivir diferentes experiencias neste entorno, o que significa que comen nas proximidades e que visitan outros recursos turísticos próximos”, concreta, facendo referencia ao que os viaxeiros testemuñan nas enquisas de satisfacción que realiza a institución provincial unha vez realizada algunha das dúas viaxes.  

“Estamos ante unha temporada de récord, ano tras ano superamos as cifras anteriores e iso fai que nos amosemos contentos ante a boa acollida que este recurso turístico ten tanto para quen nos visita dende outras partes da provincia, de Galicia, do resto do país ou para o turista internacional”, engade a Deputada. 

Os catamaráns funcionarán ata decembro

Neste mes de novembro funcionarán as dúas rutas, tanto a do Sil como a do Miño  durante as fins de semana, tanto os sábados coma os domingos, con saídas ás 11:30 e ás 16:00 horas. No caso do mes de decembro, os barcos navegarán dende o 2 ao 10 de decembro todos os días, con  motivo da Ponte da Constitución, tamén con dúas saídas diarias en horario de mañá e de tarde.  

Para información e reservas, as persoas interesadas poden chamar ao: 982 26 01 96 en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a domingo ou dirixirse á web https://reservas.rutasembalses.es.