Benestar Social e Igualdade
Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación acompaña á Fundación ANADE na súa gala solidaria a favor da inclusión social

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este venres na gala solidaria da Fundación Anade, que tivo lugar no Hotel Méndez Núñez, un evento no que se entregaron os Premios á Inclusión Social que nesta décima edición recoñeceron ao lucense Aquilino González e ao Centro Dramático Nacional. Miguel Fernández felicitou aos premiados e enxalzou a Fundación Anade “por destacar o traballo dos que loitan pola inclusión das persoas con discapacidade, que é fundamental e que, en moitas ocasións, non está recoñecido como se merece”. O acto contou coa presenza do presidente da Fundación Anade, José Colmenero, a delegada da entidade en Lugo, Ángeles Fernández Mayra, e membros da Corporación municipal de Lugo, entre outras autoridades. Á gala, que se retomou despois de tres anos sen celebrarse, asistiron numerosos lucenses e figuras da vida social e cultural da cidade en apoio da entidade, e o grupo de teatro Os Pinchacarneiros, que sorprenderon durante a velada poñendo en escena varias funcións.