Cultura
Deputación de Lugo

Os colexios de Rábade e Friol acollerán os obradoiros “Música e Evolución”, impartido polo músico e investigador Pablo Carpintero

cultura
Pablo Carpintero
música
Forma parte dun ciclo impulsado pola Vicepresidencia da Deputación, que inclúe concertos didácticos en centros educativos de todas as comarcas

Os colexios de Rábade e Friol acollerán este xoves cadanseu concerto didáctico sobre instrumentos a cargo dos músicos e investigadores Pablo Carpintero e Rosa Sánchez.

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa estas actividades que se están a desenvolver baixo o título “Música e evolución” e que amosan e poñen en valor o patrimonio musical, ao tempo que explican a música como unha manifestación cultural esencial para as persoas.

Durante estas sesións didácticas, amósanse 42 instrumentos, moitos deles novos para a rapazada, cun fío argumental que incide no papel esencial que as mulleres xogaron na música, na cultura e na organización social ao longo da historia ou na orixe dos instrumentos musicais na cultura infantil.  Por outra parte, contribúen a difundir e afianzar o emprego da lingua galega.

Os obradoiros son parte dun ciclo que chega a un total de 20 centros educativos. Entre eles, os colexios de Samos, Paradela, Portomarín, Guntín, Begonte, Cospeito, Foz, O Valadouro, Pol, Riotorto, O Páramo, Láncara, Trabada e Barreiros, nos que xa se desenvolveu a actividade nas  últimas semanas.

En vindeiras datas, realizaranse nos colexios de Muras e Xermade (1 de decembro) e no CEIP Caselles Rollán de Xove e  CEIP Lois Tobio de Viveiro (5 de decembro).