Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación condena a lacra do machismo criminal coa marcha En camiño contra as violencias

25N
MANIFESTO 25N
O centro da capital lucense foi o escenario da iniciativa, que partiu da praza de San Marcos e rematou no Centro de Formación Audiovisual da institución, onde o alumnado queimou papeis con frases machistas

A Deputada de Muller e Igualdade leu diante da Deputación a Declaración Institucional con motivo do 25N acordada polos tres grupos políticos da Corporación, que defende a unión na loita contra os feminicidios e os ataques ás mulleres

Esta actividade forma parte do programa organizado pola institución provincial en torno ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, no que se celebrou a terceira edición da xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais

A Deputación de Lugo condenou este venres a lacra do machismo criminal coa marcha En camiño contra as violencias, organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da institución con motivo do 25N. O Presidente provincial, José Tomé Roca, e membros da Corporación encabezaron a sétima edición deste percorrido, que partiu da Praza de San Marcos e atravesou as principais rúas da cidade ata o Centro de Formación Audiovisual.

Marisol Morandeira, a Deputada de Muller e Igualdade, leu a Declaración Institucional acordada polos tres grupos políticos da Corporación provincial polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que defende a unión na loita contra os feminicidios e os ataques ás mulleres. “Só terminaremos con esta lacra social traballando xuntos e xuntas: todas as administracións, o poder lexislativo, o xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, as forzas e corpos de seguridade, as organizacións sociais especializadas en violencia de xénero, os medios de comunicación, a comunidade educativa e o conxunto da sociedade”, recolle o documento.

Tras a lectura da Declaración Institucional arrancou a marcha, que percorreu as principais rúas do centro da cidade de Lugo para reivindicar a importancia de dar visibilidade ás violencias machistas, unha ferramenta fundamental para deter esta lacra.

“O machismo criminal ten asasinado en España a máis de 1.236 mulleres desde 2003, con 428 nenos e nenas orfos desde 2013. No que levamos de ano, elévanse a 51 as mulleres que foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas, un número de vítimas superior ao dos tres anos anteriores. E que debe facer reflexionar a todos os que, por motivos ideolóxicos ou por tacticismos mal entendidos, negan a existencia deste tipo de violencia ou a definen con nomes que tentan minimizala”, incidiu a Deputada.

En camiño contra as violencias é unha iniciativa que dende hai sete anos a Deputación organiza co alumnado de Produción do Centro de Formación Audiovisual. O propio estudantado involucrouse neste traballo coa preparación de diferentes accións ao longo da marcha, portando bolsas negras para representar ás vítimas da violencia machista ou a queima de papeis con frases machistas. 

Neste percorrido participaron representantes de diferentes entidades, así como veciñanza da provincia, que se foi encontrando actividades polas rúas do centro de Lugo. 

Visibilidade e concienciación

O programa organizado pola Deputación con motivo do 25-N incluíu este ano a terceira xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, un foro que nesta edición promoveu a institución provincial xunto con Radio Lugo-Cadena Ser, enmarcado no ciclo Con Voz de Mujer co que conta a emisora a nivel nacional. A cita reuniu a unha decena de mulleres referentes con distintas profesións e experiencias vitais, vinculadas a institucións, ao mundo da empresa, da cultura, da educación e da xustiza.

Así mesmo, na fachada da sede provincial tamén está despregada unha gran pancarta coa mensaxe Non é non para simbolizar a denuncia e enérxica repulsa da institución ás violencias machistas. 

Implicación dos concellos

A campaña da Deputación en favor da igualdade entre mulleres e homes tamén involucra aos concellos da provincia de Lugo. Por iso, distribuíu entre as entidades locais diverso material reivindicativo para sensibilizar e concienciar á cidadanía na loita contra as violencias machistas.