Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo consigue a certificación de Destino Turístico Starlight para Os Ancares Lucenses

Destino Starlight
Ancares Lucenses
Esta acreditación, que concede a Fundación Starlight -impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias- está concibida para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas no territorio

“Esta distinción axudará a que continuemos afondando no noso modelo de turismo sostible nun territorio ademais, onde este tipo de iniciativas é fundamental para axudar a fixar poboación”, valorou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo

Tramitar este distintivo é unha das accións impulsadas pola Deputación grazas ao investimento de 1M€ de fondos europeos que conseguiu para as reservas da biosfera que xestiona

Unha vez conseguida a distinción, o seguinte paso será poñer en marcha unha mesa de traballo para abordar as actuacións de carácter astronómico e astroturístico necesarias para adecuar as fontes de luz e impulsar servizos e recursos especializados

A Deputación de Lugo vén de conseguir a certificación de Destino Turístico Starlight para a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Unha acreditación que concede durante catro anos a Fundación Starlight -impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias- está concibida para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas no territorio.

“Valoramos moi positivamente este recoñecemento, porque nos permite afondar no modelo de turismo polo que levamos anos traballando”, sinalou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. “Este Goberno cree nun turismo baseado nas experiencias, de calidade, sostible, que xera riqueza e emprego e que aproveita as potencialidades da nosa provincia, como o noso rico patrimonio natural, cultural e paisaxístico. E esta distinción axudará a que continuemos por esa senda; nun territorio ademais, a Montaña, onde este tipo de iniciativas é fundamental para axudar a fixar poboación”.

Unha vez conseguida a distinción, o seguinte paso será poñer en marcha unha mesa de traballo para abordar as actuacións de carácter astronómico e astroturístico necesarias para adecuar as fontes de luz á actividade de observación das estrelas e impulsar servizos e recursos turísticos especializados. 

Entre as condicións de alumeado esixibles para manter este recoñecemento Starlight, as fontes de luz exterior deberán ser con reducida emisión na parte azul do espectro visible e ultravioleta, sempre coa lonxitude de onda por debaixo dos 500 nanómetros; evitar sobreiluminar, axustando os niveis segundo as necesidades de uso e características da vía; ou a instalación de sistemas de regulación e control da iluminación a partir de certas horas nas que diminúe a actividade.

Hai outro tipo de actuacións recomendables que pasan pola instalación de sinais e indicadores, instalación de miradoiros de estrelas nas zonas máis escuras, pero accesibles e con capacidade para a realización das actividades de turismo astronómico dunha forma axeitada; e tamén a organización de xornadas, campañas e actividades nos centros escolares. 

Finalmente, outras recomendacións da Fundación Starlight para que Os Ancares Lucenses poidan despregar todo o seu potencial astroturístico pasan pola captación de novas empresas no territorio que ofreza servizos de restauración; o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para Os Ancares. Tamén, ser quen de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo un vínculo co territorio, deixando claro no seu informe que os xa existentes teñen éxito.

“As recomendacións expostas non determinan o resultado actual da certificación e, lóxicamente, deben ser entendidas como unha folla de ruta a percorrer de acordo ás posibilidades reais de cada momento”, sinalan desde a Fundación Starlight.

Fondos europeos

Tramitar este distintivo é unha das accións impulsadas pola Deputación grazas ao investimento de 1M€ de fondos europeos que conseguiu para as reservas da biosfera que xestiona. En concreto, este espazo protexido da Montaña percibe preto de 430.000€ para desenvolver diferentes actuacións entre as que, conseguir a certificación Starlight supuxo un investimento que superou os 15.000€.

España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, 8 deles situados en Galicia e o dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, porque o concello de Muras é destino Starlight desde finais do 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.