Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación arranca as obras para reparar a estrada provincial danada polas choivas en Ribas de Sil

Ribas de Sil
Rede provincial de estradas
temporal
Tras aprobar na Xunta de Goberno do venres a declaración de emerxencia dos traballos, que requiren dun investimento de 85.000€, a institución comeza de inmediato as actuacións para arranxar o afundimento da LU-P-5303 no quilómetro 5,200, cun prazo de execución de dous meses

A Deputación de Lugo arrancou este luns as obras necesarias para reparar os danos provocados polas intensas choivas de principios deste mes na estrada LU-P-5303, á altura do concello de Ribas de Sil, en concreto, no punto quilométrico 5,200, que sufriu un afundimento.

Desta forma, unha vez que a Xunta de Goberno aprobou o pasado venres a declaración de emerxencia dos traballos para poder acometelos con maior axilidade, a institución inicia de inmediato as actuacións, que requiren dun investimento de 85.000€ e teñen un prazo de execución previsto de dous meses. 

Consisten na restitución do sostemento da estrada como consecuencia do colapso do muro e a pavimentación con aglomerado en quente do firme da zona afectada. A empresa encargada é Excavaciones Goni, a adxudicataria do contrato de conservación das estradas provinciais nesta zona da provincia.

A vía continuará cortada ao tráfico por seguridade, con desvíos alternativos debidamente sinalizados, ata a finalización das obras.