Deputación de Lugo
Economía
Emprego
Formación

25 persoas especialízanse en enoturismo nun curso que promove a APEHL grazas á Deputación

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantivo un encontro en Palas de Rei cos participantes da acción formativa, que responde á firme aposta da institución “por consolidar un turismo de calidade, sostible e de experiencias”

Na xornada, na que participan na súa maioría profesionais do sector profesional do turismo e hostaleiro, fíxose entrega dos diplomas acreditativos aos novos especialistas en enoturismo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto,  mantivo un encontro este luns en Palas de Rei cos 25 profesionais que participan no curso Certificado en Cultura de Viños do Mundo, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), grazas á colaboración da Deputación de Lugo. A institución provincial aporta 40.000€ para o desenvolvemento desta acción formativa, que rematará mañá 28 de novembro tras seis días de formación. 

Pilar García Porto destacou que esta nova colaboración coa APHEL enmárcase “na firme aposta que estamos facendo dende a institución por consolidar un turismo de calidade, de proximidade, sostible e de experiencias”, porque, “o enoturismo é un exemplo perfecto dese turismo que buscamos: non masificado, que aporta valor engadido, sostible e que crea riqueza e emprego”.

Fixo fincapé a Deputada no valor do viño como un gran aliado para amosar ao visitante o mellor que ofrece a provincia. “É unha expresión da nosa terra, cultura e historia. En Lugo, temos a sorte de contar con viñedos que se estenden por paisaxes únicas, enmarcadas pola nosa rica historia e unha natureza explosiva. Cada copa de viño leva consigo séculos de tradición e traballo dos nosos viticultores”. 

Na acción formativa participan, na súa maioría, profesionais do sector do turismo e hostaleiro, e está impartida polo Instituto Galego do Viño, dirixido por Xoan Cannas. Pilar García Porto trasladoulles o seu desexo de que este curso de especialización en enoturismo “fose unha oportunidade para a reinvención profesional, a innovación e a diversificación dos negocios que aposten por ofrecer servizos de calidade e produtos turísticos atractivos e diferenciados”. Animounos así mesmo “a poñer en práctica todos os contidos deste curso para potenciar a calidade do enoturismo, e tamén do conxunto da actividade turística na nosa provincia”.

O curso conta cunha mostra de 40 viños internacionais, 48 horas formativas e unha viaxe á Ribeira Sacra. Os participantes están a afondar en diversos aspectos teóricos e prácticos da viticultura, como a elaboración de cartas de viños, a maridaxe, o servizo e xestión de sala, o traballo en adegas e a xestión do negocio. Tamén se achegan ás novas tendencias do mercado e aprenden a crear, desenvolver e xestionar produtos. 

Durante a xornada de hoxe, a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, fixeron entrega aos asistentes dos diplomas acreditativos da participación.