Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo aproba os Orzamentos do ano 2024: máis servizos públicos e dinamismo económico para a provincia con 116M€

Orzamentos2024
O Goberno provincial sacou adiante no Pleno uns presupostos que suben nun 5,32% grazas aos fondos que conseguiu da UE; “realistas, útiles, expansivos e profundamente sociais”; que son “bos para a provincia” e que “demostran que outro modelo de Goberno é posible para Galicia, con diálogo, lealdade e recursos para os concellos”

As políticas sociais concentran un terzo do Orzamento para, entre outras medidas, as residencias de maiores, o financiamento do SAF dos concellos ou a teleasistencia. “Un esforzo investidor enorme, co que estamos facendo o que non fai a Xunta de Galicia na provincia”, subliñou a Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez

O Executivo incrementa o plan de cooperación cos concellos ata os 21,75M€, o que supón un 20% do presuposto; un 11% os fondos para a mellora da mobilidade; e un 7,6% as partidas vinculadas cos sectores produtivos estratéxicos, como o primario e o turismo

A Deputación de Lugo aprobou este martes no Pleno os Orzamentos do ano 2024, que, con máis de 116M€, suporán máis servizos públicos e máis dinamismo económico para a provincia, sobre todo no rural, e demostran que “é posible outro modelo de xestión e outro Goberno para Galicia, con diálogo, lealdade e recursos para os concellos”. Así o manifestou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, no debate plenario celebrado esta mañá, durante o que subliñou que o presuposto sube un 5,32%, grazas aos fondos que o Executivo provincial conseguiu da Unión Europea.

A Deputada incidiu en que son uns orzamentos “realistas e útiles”, por tres motivos principais: “aprobámolos en tempo e forma para que entren en vigor a primeiros de ano”; “servirán para achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e para promover a actividade económica vinculada aos sectores estratéxicos da provincia, factores esenciais para fixar poboación no noso rural”; e “continuaremos coa política de feitos, grazas á que executamos unha media anual do 85% do gasto”.

Ademais, explicou, son uns presupostos “expansivos” porque suben os investimentos reais nun 45% e as transferencias correntes en preto dun 3%; e “profundamente sociais”, en tanto que as políticas sociais concentran un terzo do total dos fondos previstos, ata alcanzar os 38M€, o que supón un 3% máis ca neste ano.

“Un esforzo investidor enorme, co que estamos facendo o que non fai a Xunta de Galicia na nosa provincia”, recalcou Mayra García Bermúdez, pois “incumpre o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia e non asume as competencias en servizos sociais, cargándollas á Deputación e aos concellos, sen transferirnos financiamento”.

Por iso, entre outras moitas medidas, asegurou, a institución provincial “ten que despregar e manter unha rede de residencias públicas para os nosos veciños e veciñas do rural, porque a Xunta non o fai, nin tampouco colabora”.

11M€ para os centros de atención a maiores e 3,4M€ para o SAF

Así , nos Orzamentos do 2024 a Deputación dedica preto de 11M€ para os 9 centros de maiores que ten en servizo –6 deles abertos no pasado mandato-, e continuar cos proxectos comprometidos. Como xa adiantou o Presidente, José Tomé Roca, a previsión é poñer en marcha neste mandato as residencias da Pontenova e de Guitiriz.

“Avanzamos con paso firme e seguro”, abundou a Deputada de Economía, “o que non fai a Xunta de Galicia, que leva case 15 anos sen abrir nin unha soa residencia pública, e tampouco prevé facelo porque a que se abrirá en Lugo é de Amancio Ortega e, en todo caso, prevén privatizala”.

A maiores, os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia –todos, menos a capital- non poderían prestar o Servizo de Axuda do Fogar (SAF) coa inmediatez que precisan, se non fora porque a Deputación soporta gran parte do financiamento, que no ano 2024 estará en torno aos 3,4M€. A institución mantén así mesmo a teleasistencia domiciliaria as 24 horas, “outro servizo esencial para as familias”.

O Goberno provincial renova seu “apoio ao labor fundamental do tecido social vinculado co terceiro sector” con partidas que suman 1,3M€, explicou García Bermúdez, que, en políticas sociais, tamén destacou a creación no antigo hospital de San Rafael, en Castro de Rei, do que será o primeiro Centro de Acollida de Protección Internacional de Galicia. Un proxecto froito da colaboración da Deputación co Goberno do Estado, que terá “un retorno económico moi importante para a provincia”, cun investimento de 12M€ e a creación de 25 empregos directos e 45 indirectos. 

A Deputación desenvolverá no 2024 o programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, para “afrontar o reto demográfico”, sinalou a Deputada, con medidas de apoio integral ás persoas que decidan irse a vivir ao rural; axudas ao alugueiro de vivenda; e apoio para a diversificación de cultivos.

O vindeiro ano, as políticas de emprego contarán con 4M€ para favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación; educación, con preto de 3M€, tanto para o Centro de Formación Audiovisual da Deputación -o único público desta rama na provincia-, como para o apoio á Universidade pública; os recursos para as políticas vinculadas coa igualdade  suben un 10%; Deportes chega aos 4,8M€; Cultura, aos 5M€; e Artesanía e Deseño, a 1,44M€.

Sube o plan de cooperación cos concellos

O Goberno da Deputación sube o plan de cooperación cos Concellos ata os 21.750.000€, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais, seguindo criterios públicos e obxectivos, e cun respecto total á autonomía municipal”, expuxo Mayra García Bermúdez. “Afianzamos así o peso deste plan nos presupostos. Un nivel de compromiso cos concellos que non ten parangón na Xunta de Galicia -pois non conta cun Plan Único, e mantén o Fondo de Cooperación Local nun raquítico 1,1% do total do seu presuposto-; nin tampouco nas deputacións de Ourense -que se apunta a esta medida, pero queda moi por debaixo desta institución-, e de Pontevedra -que recorta os fondos en máis dun 21%-”, afirmou.

Ademais de incrementar os fondos do plan de cooperación, a Deputación de Lugo ofrece asistencia técnica a todos os municipios que así o requiren en materia xurídica, urbanística, en xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación, entre outras cuestións, co que “aforran miles de euros e gañan eficacia”, e, de cara ao 2024, como reforzo de todo ese apoio, proporcionará gratuitamente aos 52 concellos que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC equipamentos e servizos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na transformación dixital e mellorar así os servizos que prestan á veciñanza, grazas aos 4,5M€ que conseguiu da Unión Europea.

Todo isto “fai que a día de hoxe a Deputación sexa unha Administración esencial para os concellos, sen a que moitos non poderían ofrecer nin os servizos máis básicos aos seus veciños, porque non contan co apoio necesario da Xunta de Galicia, que os afoga a competencias, e non transfire financiamento”, subliñou a Deputada de Economía.

Máis fondos para estradas provinciais e locais

Como “un dos piares dos Orzamentos”, explicou, o investimento na mellora da mobilidade medra un 11% no ano 2024, ata alcanzar os 20M€, tanto para obra nova, como para conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil, en estradas provinciais e municipais.


Dende o inicio do anterior mandato, destacou García Bermúdez, o Goberno da Deputación foi incrementando progresivamente as partidas para a rede viaria provincial e local, pasando dos pouco máis de 14M€ que había no 2019 aos 20M€ do 2024, o que supón unha suba dun 42%  en 5 anos. “Un investimento”, matizou a Deputada, “que podería ser moito maior se a Xunta asumise as súas competencias en políticas sociais, e tamén se se fixese cargo das estradas con características claramente autonómicas. Así poderíamos liberar máis fondos para estradas”.

Incremento das partidas vinculadas cos sectores estratéxicos

O apoio aos sectores produtivos gaña peso nos Orzamentos do 2024, e increméntanse nun 7,6%, ata chegar aos 11,3M€, as partidas para sectores estratéxicos, como o agrogandeiro, forestal e do mar, a economía verde, o comercio, a hostalería e o turismo.

No caso do sector primario, os fondos ascenden a 3,5M€, dos cales 2 son para a Granxa Gayoso Castro, “un centro que sitúa á Deputación como referente en políticas públicas en apoio da gandería en Galicia”, recalcou a Deputada, engadindo que as accións para poñer en valor o patrimonio natural e converter esa riqueza nunha oportunidade de desenvolvemento a través da economía verde contarán con 3,8M€ e as iniciativas vinculadas co sector do turismo para consolidar un modelo de calidade, sostible, e desestacionalizado, que crea emprego e riqueza no rural, con 3M€.

Neste eido, a Deputación prevé arrancar as obras que restan do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, que “será un revulsivo para a zona e para a toda a provincia”.

Tamén potencia o programa Lugo Termal ofrecendo máis prazas que a propia Xunta; renovará o programa Coñece a túa Provincia, cun  retorno económico de medio millón de euros dende o seu inicio; ou continuará coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, que este ano baterán récord cuns 60.000 viaxeiros, entre outras iniciativas.