Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente e o Alcalde de Láncara asinan un acordo co que a Deputación inviste 115.000€ na mellora de vías en Río

convenio
estradas
lancara
Grazas a esta achega da institución provincial, o Concello acondicionará estradas municipais nos lugares de Río, San Martiño e Tourelle coa limpeza de cunetas e da superficie da pista, aglomerado en quente e pintado, o que mellorará a calidade de vida da veciñanza e a actividade das empresas

José Tomé tamén se desprazou ata Armea de Abaixo onde mantivo un encontro cos veciños e veciñas, e no que lles entregou o novo equipamento adquirido pola Deputación para o local social

O mandatario provincial subliñou que estes investimentos responden “ao compromiso da Deputación de cooperación cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, asinou este martes nunha visita a Láncara un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 115.000€ para que poida acometer melloras en vías municipais de varios núcleos rurais da parroquia de Río. Este importe supón o 96% do orzamento total das actuacións que afectarán aos lugares de Río, San Martiño e Tourelle. Actuarase en treitos que suman 3,2 quilómetros e unha superficie de 13.084 m², e as obras consistirán  na limpeza de cunetas e da superficie da pista, aglomerado en quente e pintado con marcas reflexivas brancas.  

José Tomé acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, e tenente alcalde de Láncara, Pablo Rivera, e membros da corporación municipal, sinalou a importancia deste acordo, xa que, grazas á Deputación, “o Concello dá resposta ás necesidades dos veciños e das empresas destas zonas rurais para mellorar servizos, prestando unha especial atención naqueles núcleos con máis proxección de futuro”. Así mesmo, estas actuacións, subliñou Tomé, “darán un maior valor a estas zonas rurais e contribuirán a fixar poboación, pois mellorarán os accesos a todas as parcelas de uso agrícola, gandeiro e forestal, así como ás vivendas dos veciños destes lugares”.

O Presidente tamén aproveitou a visita ao municipio lancarés para desprazarse ata Armea de Abaixo, onde mantivo un encontro cos veciños e veciñas deste lugar da parroquia de Lama. O mandatario provincial fixo entrega á Presidenta do colectivo veciñal, Beatriz González, de mesas e cadeiras adquiridas coa colaboración da Deputación, que aportou case a totalidade dos 5.000€ necesarios do orzamento para dotar de novo equipamento ao centro social deste núcleo rural, coa finalidade de poder levar a cabo actividades culturais e sociais promovidas pola asociación de veciños.

Preto de 2M€ investidos en Láncara

A Deputación leva investido desde o 2019 no concello de Láncara practicamente 2M€ para mellorar a calidade de vida da veciñanza en colaboración co Concello. 
Nestes anos, a institución provincial achegou fondos para actuacións relevantes como a humanización integral da avenida Benigno Quiroga e mellora do firme de rúas; o soterramento de liñas de media tensión, o acondicionamento de accesos e camiños nunha quincena de parroquias; así como a modificación de sumidoiros ou a adquisición de terreos e inmobles do Adif para poñelos a disposición da veciñanza como unha gran espazo público. Así memo, destinou recentemente un importe por valor de 100.000€ para acometer un proxecto de mellora da beirarrúa e do firme da rúa Antonio López Quiroga, na Pobra de San Xiao, e tamén de vías municipais nos núcleos Augalevada, Vilouzán, Galegos, Ariz e Bande.
José Tomé destacou que estes investimentos reforzan “o compromiso da Deputación de cooperación cos concellos da provincia, neste caso co Concello de Láncara, para que conte con maiores recursos e ofrecer máis e mellores servizos e dotacións á veciñanza”. Fixo fincapé, que esta forma de traballar “é a única fómula para combater o reto demográfico, que a xente se quede a vivir nestes concellos rurais,  non marchen a outros lugares, e que contribuamos a que floreza o talento, e os grandes proxectos que existen para o desenvolvemento económico e social destas zonas do interior da nosa provincia ”.