Cultura
Deputación de Lugo

Darío Villanueva recibiu o Premio Otero Pedrayo no Pazo de San Marcos

cultura
PREMIO OTERO PEDRAYO 2023
IRIA CASTRO
Darío Villanueva

O académico vilalbés Darío Villanueva Prieto recibiu esta tarde no Pazo de San Marcos o Premio Otero Pedrayo 2023, convocado polas deputacións provinciais e a Xunta de Galiza para recoñecer o labor a prol da cultura galega de persoas e institucións.

A Vicepresidencia da Deputación organizou o acto, que as institucións provinciais celebran de forma rotatoria. “Otero Pedrayo foi un construtor da nación galega, unha nación no mundo e por iso para nós, dende a área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é un pracer colaborar co Premio Otero Pedrayo conxuntamente coas outras tres deputacións e mais a Xunta e, este ano, como institución anfitrioa, é unha honra”, sinalou na intervención inaugural a deputada Iria Castro.

A responsábel provincial parabenizou a Darío Villanueva, elixido para recibir o galardón polo xurado,  formado por representantes das institucións organizadoras e taménpolas tres universidades, a RAG, o Instituto Padre Sarmiento e a Fundación Otero Pedrayo.

“Un lucense de Vilalba que, como Ulises, busca, escribe e estuda outros universos pero sempre retorna a Vilalba en busca das orixes. Darío villanueva é académico, crítico literario, profesor universitario, escritor. Doutor de Teoría de Literatura e Literatura Comparada da USC. Foi decano da facultade de Filoloxía da USC e posteriormente reitor da USC. Ademais, tamén foi director da RAE, doutor honoris causa por 14 universidades de Europa, América e Asia e sobre todo, gustaríame destacar que é un estudoso de literatura, con varios libros dedicados ao estudo da obra de Emilia Pardo Bazán ou Rafael Dieste. En nome propio e desta Deputación, os nosos sinceros parabéns a Darío Villanueva pola súa traxectoria e por este galardón”,  dixo Iria Castro.

“Contanque estando Don Ramón no leito de morte, visitouno o ministro de educación e el díxolle: Señor Ministro, salve o grego. O día de deliberación do xurado preguntámonos que pensaría Don Ramón e eu téñoo moi claro. Diría, Señor Ministro, salve o galego. Salvar o galego é salvar a memoria e o traballo de galeguistas como Don Ramón, é salvar a universalidade do noso pobo, a cultura, os clásicos, as cantigas de amigo, os poemas de Rosalía, a memoria de todas as coplas que chegaron ata o día de hoxe. Contamos con Darío Villanueva, un galego feito de palabras, de etimoloxía, de saberes, para esta labor”, concluíu a deputada.

A música de MJ Pérez marcou a sonoridade dun acto conducido pola actriz e directora de teatro Tareixa Campo e o no que tamén interviron o presidente da Deputación, José Tomé e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, e que contou coa presenza de representantes institucionais das deputacións e das entidades culturais que colaboran na organización do Premio.

Premio Otero Pedrayo