Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

A Área Rural da Vicepresidencia da Deputación impulsa as actividades formativas para a elaboración dos plans de abonado da man da Asociación de Asesores Rurais de Galicia

Medio Rural e Mocidade
DANIEL GARCÍA
ASOCIACIÓN DE ASESORES RURAIS DE GALICIA
Campus Terra

A Asociación de Asesores Rurais de Galicia desenvolveu durante a presente anualidade 2023 unha formación sobre a “Elaboración dun plan de abonado”, que se inclúe na colaboración que a área Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén con este colectivo de ámbito galego.

A actividade está repartida en tres xornadas, unha online e dúas presenciais, que permiten aos participantes coñecer a nova normativa legal e adaptarse para levar a cabo unha nutrición sostible nos chans agrarios. 

A formación rematará a vindeira semana con dous obradoiros prácticos, os días 11 e 15 de decembro, na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela e complementarase, posteriormente, con titorías personalizadas para resolver dúbidas. 

O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, encadrou esta actividade no traballo fundamental que desenvolven entidades como esta para “o desenvolvemento das potencialidades do sector primario en provincias como a de Lugo, na que a gandería ten un importante peso territorial e económico e representa tamén un referente académico,  especialmente nunha provincia como a de Lugo na que a gandeiría ten un peso territorial e económico moi destacado, e que é referente tamén en formación polas titulacións que se imparten no Campus Terra”. 

“É a única asociación que representa ao asesoramento agrario non comercial, que desempeñan un papel fundamental no traballo diario cos nosos agricultores e gandeiros a través das propias entidades de aconsellamento, cooperativas, sindicatos agrarios ou pequenas consultorías técnicas de índole autónoma na que traballan como profesionais libres. Son o verdadeiro motor técnico da profesionalización agraria en Lugo”, concluiu.

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina unha axuda de 10.000 euros para colaborar coas actividades formativas, e de funcionamento da Asociación de Asesores Rurais de Galicia.