Deputación de Lugo
Economía
Emprego

Máis de 400 emprendedoras participan nos cursos de formación organizados por AELU e a Deputación

AELU
mulleres empresarias
aulas abertas
mulleres rurais
A institución provincial investiu preto de 40.000€ para desenvolver o programa Aulas Abertas que rematou hoxe cun acto en San Marcos logo de impartir 40 obradoiros en Xermade, A Pastoriza, As Nogais, Monterroso, Begonte, Foz, A Fonsagrada e Rábade

O Deputado de Promoción Económica e Social destacou que este programa, “dirixido a favorecer o autoemprego feminino e as novas oportunidades de negocio para mulleres emprendedoras”, é unha ferramenta “fundamental para fixar poboación”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este mércores no peche das Aulas Abertas, unha iniciativa de formación organizada pola Asociación de Empresarias de Lugo en colaboración coa Deputación de Lugo e na que participaron máis de 400 mulleres e 13 asociacións. O acto, que se desenvolveu na praza de San Marcos, serviu para poñer punto e final a esta iniciativa, na que se organizaron un total de 40 obradoiros diferentes nos concellos de Xermade, A Pastoriza, As Nogais, Monterroso, Begonte, Foz, A Fonsagrada e Rábade.

 “Este é un programa dirixido a favorecer o autoemprego e as novas oportunidades de negocio para mulleres emprendedoras. Unha cuestión fundamental para fixar poboación, sobre todo no rural”, destacou Rivera Capón. Para o Deputado, “a contribución das mulleres no mundo empresarial e na economía é única e valiosa, por iso é tan importante que traballemos xuntos para eliminar unha a unha todas as barreiras que se atopan ás mulleres á hora de emprender”.

Nese sentido, sinalou Pablo Rivera a importancia de “promover un entorno propicio para o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres”, apuntando que precisamente a misión das Aulas Abertas “é darlle ás mulleres as ferramentas para poder responder da mellor maneira ante as dificultades e desafíos que se presentan”.

Así, Aulas Abertas contou desde setembro con 160 horas de obradoiros de tramitación online, reciclaxe, elaboración de aceites para a pel e o cabelo, cultivos alternativos, transformación de carne, floristería, conservas ou natureza. “Colaborar co tecido asociativo é unha das máximas do Presidente da Deputación. Porque neste Goberno provincial traballamos coa idea de que xuntos somos máis fortes e somos capaces de ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza”, incidiu o Deputado.