Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación aporta 170.000€ ao Concello de Antas de Ulla para axudar a pagar débedas que arrastra de gobernos anteriores

Antas de Ulla
O Presidente e a Alcaldesa asinaron este venres en San Marcos un acordo que José Tomé enmarca no “compromiso permanente” da institución provincial de “colaborar en todo o que sexa posible cos concellos no que eles necesiten para funcionar mellor e prestar un mellor servizo público aos veciños, respectando sempre a súa autonomía local”

Esta axuda permitiralle ao Concello de Antas ter máis liquidez, pois esta situación actual impide o normal funcionamento da administración local e pon en risco novos investimentos na localidade

Sinatura do convenio

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, asinaron este venres un acordo a través do que a institución provincial destina 170.000€ para axudarlle ao Concello ulloán a pagar débedas que arrastra de gobernos anteriores e, deste xeito, avanzar na recuperación da normalidade económica da entidade local.

O mandatario provincial subliñou que esta aportación económica a Antas é unha nova mostra do “compromiso permanente que temos na Deputación de colaborar en todo o que sexa posible cos concellos no que eles necesiten para funcionar mellor e para prestar un mellor servizo público aos seus veciños e veciñas, respectando sempre a súa autonomía local. Son a administración máis próxima ao cidadán e os que mellor saben do que precisan”. 

Esta colaboración permitiralle ao Concello de Antas ter máis liquidez, pois esta situación actual impide o normal funcionamento da administración local e pon en risco os novos investimentos. Desta forma, a Deputación axuda a garantir a prestación dos servizos básicos á veciñanza, ao tempo que o Concello tamén pode continuar impulsando accións e políticas que melloren o día a día dos veciños e veciñas, e permítelle pagar polos servizos prestados aos provedores, que en parte son empresas do municipio. 

O Concello de Antas de Ulla vive unha situación atípica e irregular derivada dos executivos anteriores, tal e como xa explicou a Alcaldesa publicamente nunha rolda de prensa, e á que lle dá solución buscando vías de colaboración con outras administracións, neste caso coa Deputación de Lugo, como xa anunciara antes da súa chegada ao Goberno local.