Deputación de Lugo

A Deputación comproba as melloras da casa reitoral de Santaballa nas que investiu 13.600€

Liga Santaballesa
A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado nos actos organizados pola Liga Santaballesa con motivo da recuperación deste inmoble da parroquia Vilalbesa e que incluíron a inauguración da exposición Historia de Galicia, financiada pola institución provincial cunha achega doutros 3.000€

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, participou este sábado nos actos que organizou a Asociación Cultural de Amigos da Liga Santaballesa con motivo da recuperación da reitoral de Santaballa, unhas obras nas que a Deputación de Lugo investiu 13.600€.

Morandeira asistiu tamén á inauguración da exposición sobre a Historia de Galicia, financiada tamén pola Deputación de Lugo a través dunha achega de máis de 3.000€ e aberta con motivo da restauración do inmoble.  A Deputada destacou que a institución provincial apoia “todas as actividades que impulsan a cultura no rural”. Nese sentido defendeu a Deputada que “hai que escoitar ao rural cando fai cultura. Hai que achegar a cultura ó rural. E hai que colaborar co rural para que se podan desenvolver actividades coma esta”.

“Porque os que falan de rural baleiro son os que non se achegan a coñecer as iniciativas que fan asociacións como a Liga Santaballesa. O rural está cheo de xente con ideas, de persoas que demandan servizos públicos para garantir os seus dereitos de acceso á educación ou á sanidade, de persoas que esperan que as administracións lles dean respaldo cando queren levar a cabo iniciativas como esta exposición sobre a nosa historia”, expuxo e sinalou que a Deputación estará sempre “a carón dos concellos e da xente do rural”, porque “é o rural o que sempre lle devolve á sociedade moito máis do que pide”.

Esta mostra pode verse de xeito gratuíto  na propia casa reitoral, onde quedará exposta de forma permanente.

Os traballos financiados pola Deputación na casa reitoral

As obras que se realizaron na casa reitoral de Santaballa consistiron na renovación da carpintería exterior das fachadas principal e laterais. Concretamente, restauráronse as portas e ventás interiores e exteriores, que, co fin de seguir coa construción tradicional da igrexa desta parroquia, colocáronse en madeira.