Deputación de Lugo

O Presidente valora a entrega do Butelo de Ouro aos produtores que participaron na feira ao longo da súa historia como “un acto de xustiza”

Feira do Butelo
José Tomé Roca participou co Alcalde na entrega deste recoñecemento, outorgado a Carnicería Silmer, Xosé Fernández López, Modesta Fernández Blanco, Embutidos RM, Facenda Farruquiño SL, Carnicería Testo, Embutidos Buenavista e Casa Castelao

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, na entrega do Butelo de Ouro, que este ano recoñece os produtores que participaron na feira ao longo da súa historia.  “É un acto de xustiza”, valorou o mandatario provincial.

“Os produtores e produtoras son os verdadeiros protagonistas dunha andaina que comezou alá polo ano 1998. Sen eles, esta feira non tería chegado ata aquí”,  destacou José Tomé, sumándose ao “recoñecemento do seu labor, da súa dedicación, porque todo o que fixeron pola Feira do Butelo e pola Fonsagrada, fixérono tamén pola provincia de Lugo”.

Puxo o Presidente o traballo dos produtores de butelo como exemplo do “enorme” potencial do rural, “da capacidade para innovar e para xerar riqueza en torno a un produto tradicional cunha feira que foi declarada de interese turístico de Galicia en apenas un cuarto de século de existencia”, salientou. 

“No rural temos ideas, temos proxectos, temos capacidade de traballo, temos propostas de futuro e temos vontade de innovar. O que precisamos é que as administracións públicas –todas as administracións– apoien esas ideas, eses proxectos, esa capacidade, que sexan activas e dinamizadoras, como fan os premiados que hoxe recoñece o Concello da Fonsagrada con este Butelo de Ouro”.

Nese sentido, José Tomé incidiu en que o rural “non vive de titulares baleiros nin de promesas que nunca se converten en realidade. O rural necesita feitos, necesita servizos públicos de calidade e emprego”.