Cultura
Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación de Lugo colabora na celebración da Semana Santa de Lugo con 12.000€

Semana Santa
Lugo
2024

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este xoves na presentación da programación da Semana Santa de Lugo 2024 que tivo lugar na Catedral. A Deputación achega 12.000€ á Xunta de Confrarías para a celebración dos actos e a posta en valor desta cita relixiosa que aspira a ser Declarada de Interese Turístico Nacional. 

Pablo Rivera eloxiou o traballo das Confrarías por sacar adiante un programa de actos atractivo que conxuga “aspectos relixiosos cos culturais nunha oferta consolidada xa como un dos grandes aliados turísticos de Lugo e do conxunto da nosa provincia”. Felicitou o Deputado á Confraría do Bo Xesús que cumpre 75 anos e “é todo un símbolo da vitalidade da Semana Santa lucense”, unha celebración que destaca “pola singularidade de pasos como o das Caladiñas, ou o da Virxe da Esperanza, atraendo cada vez a máis visitantes”. De aí, a importancia do apoio económico da Deputación a esta celebración, remarcou Pablo Rivera, quen subliñou así mesmo que, por cada euro que inviste a institución provincial en patrocinios vinculados co turismo, “xérase un retorno de 100 euros”. 

A Semana Santa de Lugo arrincará o 16 de marzo cun concerto da Banda Filarmónica de Lugo, e o 18 de marzo terá lugar o pregón a cargo do sacerdote e secretario xeral adxunto da provincia eclesiástica de Madrid, Andrés Ramos Castro.