Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente visita o novo Centro de Día de Raiolas que se puxo en marcha grazas á Deputación

Raiolas
José Tomé Roca comprobou este xoves xunto á presidenta deste colectivo social o funcionamento da nova sede onde se proporciona unha atención terapéutica integral e especializada ás persoas e ás familias con Trastornos de Espectro Autista ou Trastornos de Comunicación Social

O mandatario provincial lembrou que foi a Deputación quen cedeu gratuitamente a Raiolas no ano 2014 o local da gardería do Campus de Lugo e pagou con preto de 112.000€ as obras de acondicionamento e mellora das instalacións para convertelas no primeiro Centro de Día da provincia para persoas con autismo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este xoves o novo Centro de Día que o colectivo Raiolas ten en Lugo. Xunto á presidenta do colectivo, Inés Flores, comprobou o labor que realizan nesta nova sede, onde se proporciona unha atención terapéutica integral e especializada ás persoas e ás familias con Trastornos de Espectro Autista (TEA) ou Trastornos de Comunicación Social. 

Tomé Roca lembrou que foi a Deputación de Lugo quen cedeu gratuitamente a Raiolas no ano 2014 o local da gardería do Campus de Lugo e pagou con preto de 112.000€ as obras de acondicionamento e mellora das instalacións para convertelas no primeiro Centro de Día da provincia para persoas con autismo.

O Presidente puxo en valor as novas dotacións, que teñen capacidade para 15 persoas, que levan xa uns meses funcionando e que serven para proporcionar unha atención terapéutica integral e especializada. Así mesmo, conta con espazos axeitados para realizar actividades de intervención grupal, individual e facer obradoiros, así como para prestar un servizo de asesoramento ás súas familias co fin de orientalas e garantir un clima de confianza. 

A Deputación de Lugo mantén unha colaboración anual con Raiolas de 22.000 euros. Con esta axuda, a Deputación apoia a Raiolas Lugo para prestar atención especializada a un total de 65 usuarios e usuarias con TEA (Trastorno do Espectro Autista), e a 115 pais e nais.