Deputación de Lugo
Economía

A Deputación convoca o Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios 2024, unha liña de axudas de 300.000€ para as asociacións

Cooperación cos Concellos
servizos comunitarios
A Xunta de Goberno aprobou por terceira anualidade consecutiva este plan de subvencións, destinadas a obras no rural, en vías, accesos, locais, traídas ou fontes e espazos públicos comunais, “que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e, desta forma, axuden a fixar poboación”, subliñou Pilar García Porto

A Voceira socialista do Goberno avanzou que o prazo de solicitude abrirase a partir da vindeira semana, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova convocatoria do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, correspondente a este ano 2024. Trátase dunha liña de axudas por 300.000€ que a Deputación de Lugo ofrece por terceira anualidade consecutiva ás entidades asociativas dos 67 concellos da provincia para financiar obras no rural, en vías, accesos, locais, traídas de auga ou fontes e espazos públicos comunais, “que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e, desta forma, axuden a fixar poboación”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

O prazo de solicitude das axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, abrirase a partir da vindeira semana, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Como en convocatorias anteriores, poderán optar entidades asociativas tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes, ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia, para realizar investimentos en inmobles ou equipamentos, e para fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

García Porto puxo como exemplo algunhas das iniciativas que se fixeron o ano pasado a través deste programa, a través do cal a Deputación apoiou os proxectos de medio cento de entidades: arranxos do firme en camiños e accesos, rehabilitación de fontes, reparación de lavadoiros e sistemas de abastecemento ou acondicionamento de locais sociais.