Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo adxudica por 600.000€ novas ferramentas electrónicas para os concellos adheridos ao programa Impulsa TIC

IMPULSA TIC
Este investimento vén a completar a totalidade dos 4,5M€ cos que estaba dotada esta iniciativa para avanzar na transformación dixital e servirán para mellorar a transparencia financeira, a accesibilidade das webs municipais e dotalas de chatbot

Adxudicado en 40.000€ o patrocinio da etapa 13 da Volta Ciclista a España deste ano, que percorrerá a distancia entre a cidade de Lugo e Os Ancares

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de mantemento das instalacións térmicas, control e prevención da lexionelose e a desinfección dos 9 centros de maiores da rede provincial por preto de 140.000€

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por un importe de 606.526,77€, dos últimos lotes do contrato para o subministro de equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará de maneira gratuíta ós 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ó programa Impulsa TIC. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, sinalou que desta forma, a Deputación xa ten adxudicado a totalidade do investimento de 4,5M€ co que está dotada esta iniciativa “que puxemos en marcha cos fondos que captamos da Unión Europea co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público ós veciños e veciñas”.

Explicou que, concretamente, quedou adxudicado o lote 1, dedicado ás ferramentas de accesibilidade sobre a web municipal, á empresa Everycode SL por un importe de 110.445€; o lote 2, que ten que ver cun chatbot integrado na web dos concellos, á empresa Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España por un importe de 393.231,77€; e o lote 3, de medidas para mellorar a transparencia financeira, queda adxudicado á empresa Dynamic Opengov Technologies SL por un importe de 102.850€.

García Porto lembrou que o Impulsa TIC componse de 6 contratos, “dos que temos a metade en execución. Entre outras cuestións, xa estamos realizando as auditorías nos 52 concellos adheridos; e implantando os servizos de integración de aplicacións nos concellos como o Conector Padrón -que lle permite ós cidadáns sacar certificados desde a súa sede electrónica- ou o Conector Face -que permite automatizar a tramitación de facturas presentadas no concello.

“Os outros dous contratos que están adxudicados e que comezarán a executarse nas vindeiras semanas son os que teñen que ver coa posta en marcha do sistema de videoplenos e coa entrega de equipamento, como ordenadores de sobremesa ou portátiles”, engadiu a voceira.

Patrocinio da Volta Ciclista a España

A Xunta de Goberno aprobou tamén adxudicar o contrato de patrocinio da etapa 13 da Volta Ciclista a España deste ano cunha colaboración económica de 40.000€ á empresa Unipublic SA. “Grazas ás xestións do Presidente da Deputación, La Vuelta volverá á nosa provincia neste 2024. En concreto, o 30 de agosto a cita deportiva percorrerá a distancia entre a cidade de Lugo e Os Ancares, nun percorrido de 171 quilómetros, cualificado como de montaña”, valorou Pilar García Porto.

“Unha nova aposta por La Vuelta que facemos dende a Deputación e que supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística que terá un retorno a curto e medio prazo enorme”, relatou a Deputada, quen sinalou que esta proba mobiliza a unhas 3.000 persoas, o que repercute, de xeito directo, na actividade da hostalería, o turismo e o comercio local. 

Rede de Centros de Atención a Maiores

Outro dos asuntos que aprobamos na Xunta de Goberno é a adxudicación do servizo de mantemento das instalacións térmicas, o control e prevención da lexionelose e a desinfección nos 9 centros de atención de maiores que temos en funcionamento nos concellos de Trabada, Meira, Pol, Castroverde, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna, Ribas de Sil e Ribadeo. 

A empresa adxudicataria é COMSA Service Facility Management SAU por un importe de preto de 140.000€ (139.706,6€) e a duración do contrato é de 15 meses sen posibilidade de prórroga.

Remanentes do Plan Único

A Xunta de Goberno aprobou tamén as solicitudes dos concellos do Saviñao, Paradela e Xermade para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, O Saviñao destinará 14.697€ ó subministro de formigón para a adecuación de estradas na Igrexa de San Vicente, Forcados, A Carballa, Teibel, As Trabes, Montegrande e Montecelo-Costa. Paradela, utilizará 35.598,59€ para a pavimentación de accesos a Bacorelle. E Xermade 28.309,47€ na reparación de estradas en Casa Grande, Lugar Vello, Candamil-Lusada e en accesos ó campo de fútbol.


Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Tamén quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de dúas subvencións, por un importe conxunto de case 10.000€, a outras tantas entidades da provincia que resultaron beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Por unha parte da Comunidade de Montes Faro de Requeixo, en Chantada, que recibe 4.188,78€ para mellorar a accesibilidade á zona da ermida do Faro do Río. E á Comunidade de Montes de Goyán, en Sarria, recibe 5.700€ para a mellora do firme dos núcleos de Goián, Vilalence e Cabezares.

Tal e como explicou García Porto, o obxectivo da Deputación con este programa é apoiar ós colectivos para que poidan acometer obras en servizos, equipamentos e infraestruturas que inciden no día a día dos veciños, tales como pistas, accesos, locais sociais, traídas de auga, fontes ou espazos públicos comunais.