Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación consolida o seu compromiso co sector madeireiro ante o reto do desenvolvemento sostible

Lugomadera
O Deputado de Medio Ambiente destacou na clausura da Asemblea Xeral de Lugomadera, celebrada este venres, o peso das empresas de primeira transformación da madeira en Lugo, que representan case o 50% de Galicia

Carlos López: “O desafío ao que nos enfrontamos non ten precedentes: a necesidade de equilibrar ese desenvolvemento económico coa conservación do noso entorno natural. A madeira pode e debe desempeñar un papel fundamental neste sentido”

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este venres na clausura da Asemblea Xeral da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, Lugomadera, que tivo lugar na Finca Val dos Soños, en Castro de Rei. Carlos López destacou o compromiso da Deputación de Lugo coas empresas do sector en Lugo, que representan case o 50% de Galicia, e puxo o acento na necesidade de apostar por un desenvolvemento sostible capaz de conservar o entorno natural.

“O cambio climático, a deforestación e a perda da biodiversidade son ameazas reais que requiren unha resposta decidida e concertada. E a madeira pode e debe desempeñar un papel fundamental neste sentido”, sinalou o Deputado. Na súa intervención, fixo referencia á madeira como “unha pedra angular na nosa economía, porque xera emprego e riqueza para numerosas familias. Pero tamén favorece a ordenación do territorio, axudando a evitar o seu abandono e contribuíndo á prevención de lumes”.

Carlos López fixo referencia ao peso das empresas lucenses e loou que a súa aposta de mellora constante, de adaptarse aos novos tempos, “é unha garantía para o futuro do sector”. Subliñou que “para seguir así, a nosa provincia precisa un sector madereiro forte, moderno, capaz de xerar emprego de calidade. Un sector que converta a madeira en fonte de desenvolvemento do noso rural e que aproveite o potencial dos nosos montes. Un sector que axude a frear a perda de poboación no rural, sexa capaz de atraer empresas e ofreza á mocidade a oportunidade de traballar nas súas vilas”.

Promover prácticas de xestión forestal sostible, accións encamiñadas á reforestación ou á xestión responsable dos nosos bosques, afirmou, “son pasos fundamentais para garantir que a madeira que utilizamos hoxe non comprometa os recursos das vindeiras xeracións.” Destacou o Deputado que en Lugo “temos inspiradores exemplos de boas prácticas e temos que seguir fomentando, apoiando e apostando por este tipo de iniciativas”.

Carlos López subliñou que “investir en innovación e tecnoloxía ten que ser o camiño”. Investigar os novos usos da madeira, na mellora dos procesos de produción ou na adopción de tecnoloxías limpas “son aspectos que poden mellorar a eficiencia e reducir o impacto ambiental da industria”. Nese sentido, explicou que a madeira pode ser un recurso renovable e sostible, “pero só se o empregamos con todo o noso coñecemento e creatividade para xestionalo dun modo responsable”.

Na Clausura da Asemblea Xeral entregaron a insignia de ouro ao xerente de Maderas Díaz Ramos, Daniel Díaz Ramos. Un acto ao que asistiron a Presidenta de Lugomadera, Mari Carmen Gayoso Montenegro; o Presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Vieites Baptista de Sousa; e a Conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana Somoza, entre outras autoridades.