Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial de Lugo recibiu máis de 1.600 visitas na primeira semana de exposición de “Sibila” de Velázquez

MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
REDE MUSEÌSTICA PROVINCIAL
IRIA CASTRO
Velázquez
Os martes e venres (12.30 horas) realizaranse visitas técnicas guiadas , con reserva previa

O Museo Provincial de Lugo realizará visitas técnicas guiadas á obra “Sibila” de Velázquez os martes e venres ás 12.30 horas.

Ante as numerosas solicitudes de visitas técnicas individuais que tiveron lugar estes días, o Museo amplía o catálogo de actividades divulgativas arredor do cadro procedente do Museo Nacional del Prado con este calendario de visitas fixas, nas que se ofrecerá unha explicación histórica e técnica sobre a obra a todas as persoas interesadas.

A participación nestas visitas require de reserva previa no enderezo electrónico direccion@museolugo.org ou no teléfono 982.242.112. Configuraranse grupos de 25 persoas, como máximo. Mantense tamén a posibilidade de concertar visitas de grupos a demanda, dun mínimo de 10 persoas.

O Museo Provincial de Lugo recibiu 1.638 visitas na primeira semana de exposición da obra “Sibila” de Velázquez. Delas, 1.273 co propósito de ver o cadro do mestre do Barroco que se expón no refectorio desde o pasado 11 de xuño.

A presenza da obra de Velázquez, que se manterá no Museo Provincial ata o 7 de xullo, encádrase no proxecto “A arte que conecta”, que achega obras mestras da colección del Prado a  dezaoito museos de todo o Estado.