Deputación de Lugo
Formación

A Deputación clausura o curso do Centro de Formación Audiovisual coa entrega de diplomas á 20ª promoción

Centro de formación audiovisual
Pilar García Porto
Graduación Centro de Formación Audiovisual
- A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo amosou a súa satisfacción pola “culminación dunha nova promoción, froito do esforzo da institución provincial para ofrecer un ensino público de calidade que se manterá o curso que vén coa gratuidade da matrícula”

- A Gala de Graduación, á que asistiron familiares e amigos, estivo inspirada no circo e incluíu a proxección de traballos feitos nestes dous anos como curtas, vidoepoemas, programas de televisión e obras de teatro

- O prazo de solicitude para o curso 2024/25 estará aberto do 19 de xuño ao 5 de xullo en https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula. Os interesados poden informarse en info@fundaciontic.org ou no 982 284 667

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, clausurou este martes o curso 2023/24 do Centro de Formación Audiovisual da Deputación (CFA) coa entrega de diplomas á 20ª promoción de graduados e graduadas en Realización e Produción. A Gala de Graduación, á que asistiron familiares e amigos, estivo inspirada no circo e foi organizada polo alumnado de primeiro.

Pilar García Porto, que amosou a súa satisfacción por compartir un día tan especial cos novos titulados e tituladas e as súas familias, dixo que “son 20 anos formando a profesionais no audiovisual, un sector en continuo cambio que require traballadores e traballadoras ben preparados”.  A Deputada anunciou que este mércores, 19 de xuño, se abre o prazo de solicitude de matricula, que volverá ser gratuíta “xa que dende a Deputación cremos e defendemos con feitos a igualdade de oportunidades e facemos un importante esforzo económico para garantir un ensino público e de calidade na nosa escola”.

García Porto dixo que, ao igual que os novos titulados, tamén comeza unha nova etapa no Centro de Formación Audiovisual da Deputación coa aplicación, o curso que vén, da nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional que supoñerá un importante cambio no panorama educativo, especialmente no ámbito da FP Superior, ao que pertencen os Ciclos de Realización e Produción que imparte a institución provincial

Gala inspirada no circo


A Gala de Graduación deste ano estivo inspirada no circo, polo que todos os deseños, tanto de diplomas como de invitacións, photocall ou escenario, estiveron baseados nesta temática.  Ademais, durante o acto proxectouse unha recompilación dos traballos realizados polo alumnado de segundo durante o seu paso polo CFA: videopoemas, programas de televisión ou obras da Semana de Teatro. Ademais, foi a preestrea de dúas curtas: Bingo e 5 Perros.
A Deputada felicitou ao alumando de primeiro por esta Gala, “que reflicte moito tempo de preparación e de traballo, desde o xerme da idea ata a súa execución, no caso dos estudantes de Produción, e da gravación por parte dos alumnos de Realización”.

Prazos de matrícula para o vindeiro curso


O prazo de solicitude para o curso que vén estará aberto dende mañá, 19 de xuño, ata o 5 de xullo. Todos os mozos e mozas interesados en formarse no CFA poden presentar a súa solicitude en: https://www.deputacionlugo.gal/gl/temas/audiovisuais/centro_formacion/regrada/matricula ou presencialmente na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n da cidade amurallada. 
A matrícula ordinaria poderá realizarse do 17 ao 22 de xullo. No caso de que queden prazas sen cubrir, abrirase un período de matrícula extraordinaria desde o 23 de xullo ata completar o número total. Para obter máis información ou resolver calquera dúbida, os interesados poden contactar co CFA a través do teléfono 982 284 667 ou do email info@fundaciontic.org.