Deputación de Lugo

A Deputación fomentará dun xeito lúdico o uso adecuado das novas tecnoloxías da man do INCIBE

incibe
Experiencia INCIBE
- Na praza de San Marcos situarase unha carpa, á que se poderá acceder de forma gratuíta dende o 25 de xuño ata o 29 de xuño. Esta iniciativa, na que se realizarán diversas actividades relacionadas coa ciberseguridade, diríxese a toda a poboación

A Deputación de Lugo e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), a sociedade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública, habilitarán unha carpa na Praza de San Marcos na que se desenvolverán unha serie de actividades relacionadas coa seguridade da información. O obxectivo desta Experiencia PassVRord, na que se poderá participar desde o 25 de xuño ata o 29 de xuño de forma gratuíta, é fomentar o uso correcto das novas tecnoloxías, así como diversas cuestións relacionadas coa ciberseguridade a través de xogos e experiencias lúdicas. 

Nesta carpa desenvolverase unha experiencia de realidade virtual na que se inclúen tres zonas. Na primeira delas, informarase aos participantes sobre os diferentes servizos que realiza o INCIBE; no seguinte espazo explicaráselles a dinámica da actividade e, por último, situarase a zona de xogo na que os participantes se mergullarán nunha experiencia inmersiva seguindo unha modalidade de escape room e que estará baseado nun Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Esta iniciativa diríxese á cidadanía en xeral e o horario será de 10:00 a 14:30 horas en xornada de mañá, e de 17:00 horas a 20:30 horas en xornada de tarde. A actividade terá unha duración duns 30 minutos aproximadamente e o aforo de cada xogo será dun máximo de 10 persoas.