Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Reserva dos Ancares, que xestiona a Deputación, define obxectivos e funcións para os próximos 10 anos

Reserva da Biosfera
Cervantes
Os órganos reitor e participativos aprobaron este mércores en San Román de Cervantes o documento definitivo do Plan de Xestión para o período 2024-2034 deste territorio e que está centrado na conservación, o desenvolvemento sostible e o apoio loxístico

O Deputado de Promoción Económica e Social presidiu ambas sesións e destacou que este paso servirá para “reforzar o noso modelo de xestión, que aposta pola participación, a seriedade e o rigor na labor de preservación e de xeración de riqueza”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presidiu este mércores no Edificio de Usos Múltiples de San Román de Cervantes os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Un encontro que, igual que ocorreu onte coa Reserva de Terras do Miño, aprobou a incorporación de novos membros ao órgano de participación e o Plan de Xestión para o período 2024-2034.

Pablo Rivera informou ao órgano participativo de Ancares Lucenses da proposta definitiva do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, logo da fase de exposición pública e a consulta técnica a través das mesas sectoriais. Un plan que determina as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos e que contará con fondos propios da Deputación dun total de 1,3M€ para o período comprendido entre o 2024 e o 2034.

“Un paso importante que servirá para fortalecer e reforzar o noso modelo de xestión das nosas reservas, que aposta pola participación, a seriedade e o rigor no labor de conseguir un equilibrio entre a preservación e a xeración de riqueza”, valorou Rivera Capón. Explicou que os obxectivos e as funcións recollidos neste documento están centrados na conservación, no desenvolvemento sostible e no apoio loxístico; consolidar o modelo de gobernanza da Reserva; establecer marcos sólidos de colaboración con outras Reservas; ou fomentar a participación pública na xestión.

Catro novas asociacións

Nese sentido, durante a reunión o Deputado anunciou a incorporación de catro novos membros no órgano participativo da Reserva logo de que as solicitudes de ingreso foran aprobadas polo órgano reitor. Desta maneira, incorpóranse a asociación provincial lucense de Apicultura (APLA), a asociación Castaño y Nogal, o club marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación Xuventude do Navia. No caso da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, o órgano participativo conta xa con 30 entidades entre as que se inclúen estas novas incorporacións que se fixeron efectivas este mércores.