Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

O Pazo dos Deportes de Lugo acolle a vindeira semana a primeira edición do Campus Esther Castedo

Campus Esther Castedo
EFRÉN CASTRO
baloncesto
Esther Castedo

O Pazo dos Deportes de Lugo acolle a vindeira semana a primeira edición do Campus Esther Castedo, impulsado pola xogadora lucense do CB Ensino que lanza esta proposta deportiva para as nenas e os nenos nacidos entre 2009 e 2014. O Vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de deportes Efrén Castro acompañou á deportista na presentación deste novo proxecto que conta con 60 participantes.

Mozas e mozos realizarán, do 24 ao 28 de xuño, actividades arredor do baloncesto en grupos reducidos, con atención personalizada, visitas de xogadoras e xogadores profesionais, como a ex do CB Ensino Blanca Millán e o breoganista Erik Quintela, regalos e sorteos.

Efrén Castro recoñeceu “o esforzo para a posta en marcha dun proxecto coma este na cidade onde Castedo comezou a xogar ao baloncesto” e “agradeceu a aposta polo baloncesto de base cunha actividade que une o deporte e os seus valores coa socialización e as ganas de pasalo ben dos máis pequenos”.  

Castedo celebra a boa acollida desta primeira edición “na que completamos todas as prazas e xa temos lista de agarda. Eu crecín indo a campus pero sempre con referentes masculinos e con esta proposta quería cambiar esa visión nas próximas xeracións e que elas e eles teñan referentes femininos”.

Dende a organización destacan que pese a ser a primeira edición, agardan seguir medrando e que en vindeiros anos se poida medrar e aumentar sedes para chegar a máis xogadoras e xogadores de baloncesto base da provincia.